A Xunta e Edicións Positivas recompilan nun libro dez das pezas teatrais xurdidas do grupo de traballo DramaturXa do CDG
O director da Agadic presentou hoxe en Culturgal a publicación deste novo volume da colección literaria do Centro Dramático Galego O papel do teatro, dedicado á nova dramaturxia galega
Anunciou a próxima convocatoria dos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde
A Xunta de Galicia e Edicións Positivas deron a coñecer hoxe en Culturgal a publicación de DramaturXa, novo volume da colección do Centro Dramático Galego (CDG) O papel do teatro, que reúne 10 dos textos xurdidos no grupo de traballo que en 2018 coordinou o director e autor Manuel Lourenzo para a compañía pública.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o director de Edicións Positivas, Francisco Macías; o propio Manuel Lourenzo e a meirande parte dos autores incluídos nesta recompilación participaron neste acto, inserido dentro da vintena de actividades que a Consellería de Cultura e Turismo lle achega directamente ao programa da Feira das Industrias Culturais que se celebra ata hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Sutil explicou que este libro é o resultado da estreita colaboración que veñen mantendo o CDG e a asociación DramaturGA co obxectivo de darlle unha maior visibilidade á escrita teatral galega actual. Unha das primeiras iniciativas resultantes deste traballo compartido foi a posta en marcha a primeiros de 2018 do grupo DramaturXa que, baixo a coordinación de Lourenzo, reuniu 12 autores co obxectivo de afondar na identidade galega e escribir, con este punto de partida, cadansúa peza teatral.
Unha produción teatral e dous libros
Entre todas elas, dúas foron seleccionadas para ser levadas a escena polo Centro Dramático Galego na produción Neorretranca e posmorriña, baixo a dirección de Gena Baamonde: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte, ambas xa publicadas no anterior volume de O papel do teatro. Agora, no número 5 desta colección, ven a luz as restantes 10 pezas creadas ao abeiro do grupo DramaturXa: Cuncas dos nosos ollos, de Lois Blanco; Albaroque, de Ana Carreira; O ronco do carneiro, de Santiago Cortegoso; Vera, de Eva F. Ferreira; Onde veñen morrer as baleas, de Ernesto Is; Que veñan os cans, de Zé Paredes; Wonderland, de AveLina Pérez; O péndulo, de Marta Pérez; Lar, de Rosa Puga Davila, e Bic, de Gloria Rico.
O director da Agadic incidiu na relevancia deste tipo de propostas a prol da dramaturxia galega contemporánea, que se veñen sumar ademais ao apoio que desde a Xunta se lle brinda a este colectivo a través doutras iniciativas, como organización dos premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, Manuel María de literatura dramática infantil e Barriga Verde de textos para teatro de monicreques. Neste sentido, adiantou que o vindeiro día 5 publicarase a nova convocatoria destes galardóns que, desta volta, incrementará ata os 8.000 euros a dotación do Álvaro Cunqueiro para celebrar a que é a súa 25ª edición.
DramaturXa atópase á venda polas canles habituais de comercialización de Edicións Positivas, así como na Libraría Institucional da Xunta.