A Xunta dota o Salón Teatro de Santiago dun sistema pioneiro para a emisión en directo dos espectáculos
O Centro Dramático Galego instala na súa sede dispositivos de captación de vídeo, que lle permitirán gravar as montaxes, ao tempo que transmitilas en tempo real
A función inclusiva da súa produción propia O charco de Ulises será a primeira que se poderá seguir en streaming, con interpretación en lingua de signos
A Xunta instalou no Salón Teatro de Santiago, sede do Centro Dramático Galego (CDG), un sistema de cámaras e de realización ao vivo, pioneiro na nosa Comunidade, que permitirá tanto a gravación dos espectáculos como a súa emisión en streaming. Con esta medida, a compañía pública dá un paso adiante na transformación dixital, dotándose dunha ferramenta que busca facilitar a accesibilidade e a internacionalización dos procesos creativos.
Esta instalación, que equipara o Salón Teatro con outros espazos internacionais, está composta por catro cámaras con calidade 4k, das que dúas son fixas e outras dúas están monitorizadas, ao tempo que vén solucionar os problemas de conectividade do edificio, situado no casco histórico da cidade. Deste xeito, poderanse captar imaxes do que acontece no escenario desde varios puntos de vista e con distintos planos, desenvolvendo unha realización en directo para a súa emisión simultánea.
O sistema de transmisión en liña estrearase coa produción propia O charco de Ulises, que están a dirixir Marián Bañobre e Santiago Cortegoso para o CDG. En concreto, poderase seguir en liña a función inclusiva do espectáculo, programada para o domingo 24 de xaneiro e que contará, así mesmo, con interpretación en lingua de signos.
Con esta medida, a sede do Centro Dramático Galego dispón dunha ferramenta que favorecerá o contacto co público e mais o traballo dos creadores, garantindo a accesibilidade á programación do Salón Teatro a aquelas persoas que non poidan asistir fisicamente ás representacións, tanto por motivos xeográficos como de mobilidade, ao tempo que facilita o labor de promoción e difusión do teatro galego.
Este avance tecnolóxico supón tamén un apoio nas fases de creación e produción, xa que lles facilita un instrumento aos equipos de dirección para documentar os procesos artísticos, realizar actividades de mediación cultural, experimentar formatos híbridos conxuntamente con outros espazos internacionais ou mesmo buscar unha visión ou colaboración externa de profesionais que non se poidan desprazar ata Santiago.