A Xunta destina 176.000€ a tres longametraxes de dirección novel e oito curtas coas que se impulsa o talento audiovisual galego
Finánciase a realización de seis obras en formato curto, a posprodución doutras dúas e a produción de tres longas, todas elas en versión orixinal galega
A liña de subvencións busca promover propostas de especial valor creativo e favorecer a incorporación de novos nomes ao sector profesional
A Xunta de Galicia resolveu a concesión da súa convocatoria anual de subvencións á creación audiovisual para a promoción do talento galego, a través da que inviste 176.000€ en oito novas curtas e tres longametraxes en versión orixinal galega. As diferentes contías outorgadas destinaranse á realización de seis novas curtametraxes, con 8.000 euros por proxecto, á posprodución doutras dúas, que reciben 4.000 euros en cada caso, e á produción de tres películas en formato longo, con 40.000 euros cada unha.
As tres longametraxes subvencionadas na modalidade de dirección novel son Baleas, naufraxios e outras historias do fin do mundo, de Anna Kulyk, concibida como un ensaio híbrido vencellado á memoria da caza de baleas en Galicia; Puxa vida, de Ana Riveiro Fidalgo, arredor da figura do último pastor da serra de Queixa, e Ribeiraos, presentada por Serea Producións, unha aproximación documental á Ribeira Sacra. Mediante esta modalidade, o Goberno galego contribúe á posta en marcha de novas propostas cinematográficas que reforzan a diversidade de miradas e linguaxes no audiovisual galego, con presenza destacada de novas cineastas do país.
As curtas en proxecto que contan con axuda para a súa realización son Á deriva, de Iria Silvosa Peteira, un ensaio cinematográfico con dimensión poética e científica; Descensos, de Manuel Lucas Mariño, centrada na recuperación de memoria audiovisual coa historia dun grupo de amigos que realizan o descenso do Sil; A ninguén lle importa ata que a alguén si, de Daniel Pérez Silva, unha peza diarística arredor da percepción do tempo; Un mundo feliz, de Fran Rodríguez Casal, documental creativo sobre o corpo e as feridas que deixa o traballo; En loita, de Laura Piñeiro González, vinculada á memoria das mulleres na conquista feminista en Compostela, e O asedio, de Santiago Esturao Alzate, cunha proposta de linguaxe metanarrativa e de autor.
Apoio ás novas voces do cinema
Esta liña de axudas da Xunta de Galicia para a promoción do talento audiovisual é unha das convocatorias máis consolidadas no ámbito autonómico co obxectivo de favorecer a incorporación da nova creación ao sector profesional. A través dela, búscase dinamizar a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico e contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia, ao tempo que se reforza a función do audiovisual como instrumento para a promoción da lingua galega.
A convocatoria forma parte da política de apoio integral ao sector audiovisual a través das subvencións xestionadas pola Axencia Galega das industrias Culturais, unha canle de financiamento que incide nas distintas fases de produción e distribución para a que este ano está previsto o investimento duns 8 M€.
- Imaxe: rodaxe do filme Así chegou a noite, terceira longametraxe do director Ángel Santos, subvencionada na convocatoria de 2025 (Foto fixa: Mario Llorca)