A Xunta de Galicia mentoriza os grupos gañadores do Xuventude Crea na especialidade de teatro para desenvolver un plan empresarial
Esta actividade pioneira, posible grazas á colaboración conxunta de dúas consellerías, busca abrir novas oportunidades laborais á mocidade galega
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poñen en marcha a primeira e pioneira edición dun proxecto de mentorizaxe e titorización específico para os grupos gañadores da especialidade de Teatro do Xuventude Crea 2023, que ten por obxectivo desenvolver un plan empresarial con encaixe no mercado que permita abrir novas oportunidades laborais para a mocidade.
Á primeira sesión formativa desta actividade asistiron o secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández López; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e o director do CDG, Fran Núñez.
Este proxecto aséntase en tres sesións formativas presenciais. As dúas primeiras, hoxe e mañá no Centro coordinador de información xuvenil, estarán focalizadas na formación e titorización en creación do modelo de negocio impartidas pola Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. A terceira sesión de mentorización estará a cargo de especialistas no ámbito da produción teatral, para traballar como levar a cabo o modelo de negocio, e levarase a cabo o xoves no Salón Teatro, sede da Unidade de Produción Teatral da Xunta de Galicia.
Os contidos das sesións formativas relativas ao modelo do negocio estarán ligados á identificación de tendencias e motivacións para a compra, o market fit coma chave do éxito comercial, coñecer os potenciais clientes para lograr encaixar a proposta e o desenvolvemento de propostas comerciais de alta potencialidade de éxito.
En paralelo, realizarase unha sesión de networking sectorial entre os grupos gañadores do programa Xuventude Crea e os emprendedores do eido do teatro que están dentro da Rede. Este encontro permitirá o intercambio de experiencias e a creación de apoios dentro do tecido escénico de Galicia.