Share

A Xunta convoca axudas para potenciar a proxección exterior da música e das artes escénicas galegas

O DOG publica as bases das subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, que destinan 460.000 euros a apoiar a presenza dos artistas galegos en escenarios, festivais e feiras fóra da nosa Comunidade

Medio centenar de empresas galegas resultaron adxudicatarias desta liña en 2022 para levar a cabo máis de 500 actuacións artísticas en 16 países e participar en 19 mercados profesionais

A Xunta convoca axudas para potenciar a proxección exterior da música e das artes escénicas galegas

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases da convocatoria anual de axudas ás actividades de distribución para industrias culturais, a través das que contribúe a potenciar a proxección exterior da música e das artes escénicas galegas cun investimento de 460.000 euros. Esta dotación distribúese a partes iguais entre ambos os sectores para apoiar accións que se desenvolvan entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023.
Convocadas en réxime de concorrencia non competitiva, estas subvencións teñen como destinatarios profesionais autónomos e empresas dedicadas á produción e distribución de espectáculos escénicos e musicais. A través das dúas modalidades habilitadas, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asume parte dos custos das xiras de espectáculos galegos por escenarios, feiras e festivais fóra de Galicia, así como a asistencia a mercados sectoriais que se celebren no resto de España ou no estranxeiro. No caso da categoría de artes escénicas apoiarase, ademais, a distribución artística dentro da nosa Comunidade, exceptuando a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Ata 25.000 euros por solicitante
Cada empresa ou formación artística poderá beneficiarse dunha axuda de ata 25.000 euros a través desta liña de apoio, que poderá solicitarse na sede electrónica da Xunta de Galicia desde mañá e ata o 2 de maio ou, no seu caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible.

A Xunta convoca anualmente estas subvencións co fin de impulsar a distribución e a comercialización exterior dos produtos culturais galegos, ao tempo que se facilita o acceso da música e as artes escénicas galegas ao mercado internacional. Así, o ano pasado cofinanciáronse a través delas os gastos asumidos por máis de 50 empresas culturais no desenvolvemento de 512 actuacións tanto en xiras por Galicia e polo resto de España como nas súas incursións ao estranxeiro. Do cómputo global de actuacións, 321 foron funcións escénicas e as 191 restantes, concertos.
 
Plan Xeración Cultura
A proxección exterior e a internacionalización centran precisamente un dos cinco eixes de acción do novo Plan Xeración Cultura 2023 que acaba de poñer en marcha a Xunta cun investimento de 34M€ para levar a cabo unha batería de 57 accións. O obxectivo é continuar co crecemento do sector e prepararse para afrontar novos retos, como o desenvolvemento de dúas novas leis no eido da dixitalización e accesibilidade e de seis plans sectoriais.

-Máis información