A Xunta contribúe á programación escénica de Ourense con 24 funcións da RGTA no Teatro Principal e no Auditorio Municipal
O director xeral de Políticas Culturais participou hoxe na presentación da carteleira coa que o Principal retomará a súa actividade a partir de setembro e que inclúe oito funcións no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios
A flexibilización da normativa deste circuíto autonómico facilitou a reprogramación en outubro dos espectáculos Prostitución e Jauría, que tiveron que ser adiados por causa da pandemia
O Teatro Principal de Ourense presentou hoxe a carteleira coa que retomará a súa actividade a partir de setembro e a través da que lle propón ao público da cidade das Burgas unha trintena de citas coas artes escénicas, a música e o cinema. Delas, oito funcións de teatro e de danza contan co apoio económico da Xunta no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), circuíto do que tamén forma parte o Auditorio Municipal con outras 16 actuacións previstas nos últimos catro meses do ano.O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, acompañou a directora do Teatro Principal, Olga Mojón, nesta presentación, na que explicou que, entre as devanditas 24 funcións da RGTA, inclúense dous dos espectáculos contratados a través do circuíto da Xunta que tiveron que ser suspendidos a causa da declaración do estado de alarma: Prostitución, de Check-In Producciones, que poderá verse finalmente o 16 de outubro, e Jauría, de Kamikaze (na imaxe), o 25 dese mes.
A súa reprogramación foi posible grazas á flexibilizacion da normativa da Rede Galega de Teatros e Auditorios cunha serie de medidas inseridas no plan autonómico para a reactivación dos sectores cultural e turístico.
O resto da oferta da RGTA no Principal concentrarase no mes de decembro con seis espectáculos galegos: Medida x medida, de Producións Teatrais Excéntricas (día 4); A conquista da escola de Madhubai, de Teatro do Atlántico (día 20); Lázaro de Tormes, de Pedras de Cartón (día 26); Contos ao pé da cama, de Viravolta Títeres (día 28); Catro, de Caramuxo Teatro (día 29), e Dous no camiño (unha historia xacobea), de Culturactiva (día 30).
Preto de 340 actuacións en 39 municipios
A Xunta promove a programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en colaboración con 39 concellos de toda Galicia, que neste segundo semestre do ano ofrecerán preto de 340 actuacións escénicas e musicais, incorporando así mesmo máis do 90% das que tiveron que ser suspendidas nos últimos meses por mor do crise sanitaria.
En total, serán 500 as citas culturais que acollerá este circuíto durante 2020, para o que se conta cun orzamento global de 1,46 millóns de euros que achegan ao 50% a Consellería de Cultura e Turismo e as entidades locais xestoras dos escenarios asociados. Esta contía destínase integramente á contratación das 223 compañías profesionais de teatro, música, danza, novo circo e maxia, a meirande parte delas galegas, que lle dan forma á carteleira anual e que confirman esta rede, con máis de 20 anos de traxectoria, como canle de referencia para o encontro entre o público e a nova produción escénica e musical galega.