Share

A Xunta contribúe á oferta cultural da cidade de Lugo con 27 espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios ata xuño

O Auditorio Municipal Gustavo Freire é un dos espazos asociados ao circuíto que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades promove xunto a 40 entidades locais das catro provincias

O investimento para a contratación das 26 compañías que actuarán na capital lucense dentro desta programación semestral supera os 95.000 euros, cunha achega do 30% por parte da Administración galega

A Xunta contribúe á oferta cultural da cidade de Lugo con 27 espectáculos da Rede Galega de Teatros e Auditorios ata xuño

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de espectáculos promovido pola Xunta en colaboración con 40 entidades locais das catro provincias, achégalle ao público de Lugo 27 citas de artes escénicas e musicais durante este primeiro semestre do ano. O investimento público para a contratación das 26 compañías profesionais que desenvolverán estas actuacións supera os 95.000 euros, dos que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asume o 30% en virtude do convenio de colaboración asinado co Concello lucense.
Esta iniciativa autonómica conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros para a actual carteleira semestral, cifra que se traduce na contratación de 114 formacións artísticas para levar a cabo preto de 320 funcións escénicas e concertos en teatros e auditorios das catro provincias, o Gustavo Freire entre eles.

En marcha desde xaneiro
Na cidade de Lugo, a oferta da Rede neste primeiro período de programación do ano deu comezo o pasado 12 de xaneiro, data desde a que xa se teñen celebrado oito actuacións. En febreiro representaranse outros sete espectáculos teatrais, comezando mañá mesmo con Cómo hemos llegado hasta aquí, de Teatro del Barrio. O día 5 El Callejón del Gato porá en escena a proposta infantil La niña de las trenzas al revés, o día 9 chegará  Elefante Elegante con Alma de tigre (na imaxe), o día 16 Empatía Teatro con Esas cousas marabillosas, o día 19 A Reixa Producións coa montaxe para público familiar Little Neno descobre... Os Rolling e o día 23 Portal 73 con Sexpiertos. Esta última función terá lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo, mentres que o resto delas prográmanse no Auditorio Municipal Gustavo Freire.

Neste escenario actuarán tamén Fran Sieira Compañía de Danza con Demente o 31 de marzo e, xa en abril, Talía Teatro con Unha inimiga do pobo (día 13), Galeatro con Wombo Combo (día 16), Redrum Teatro con Hamelin (día 20) e VACAburra co espectáculo de danza Festina Lente, en coprodución co Centro Coreográfico Galego(día 28).
 
No mes de maio será a quenda para a representación de Redondo por Caramuxo Teatro (día 7), 3240 por DeuVe (día 18), O rapto da Befana por Olivas Negras (día 21), A música non amansa as bestas por Limiar Teatro (día 25) e A idea primaria é esnaquizalo a cabezadas por María Llanderas (día 26).
Por último, en xuño o Gustavo Freire acollerá como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios as actuacións de La_Compañía Exlímite con Los Remedios (día 1), Cía. Diana Sieira con The Witch, un espectáculo ritual (día 8) e Redrum Teatro con Roedores (día 11).

A axenda completa do circuíto pode consultarse na nosa web e na de Cultura de Galicia.