A Xunta contribúe á difusión da vangarda audiovisual a través do apoio á nova edición da (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico
O certame recibe 50.000 euros mediante a convocatoria anual a festivais audiovisuais que adxudica a Axencia Galega das Industrias Culturais
A Coruña convértese no centro mundial do cinema experimental do 31 de maio ao 9 de xuño, cun programa centrado na potencia creativa das mulleres cineastas
A creación galega emerxente estará representada na sección Sinais e tamén será protagonista do monográfico Ultreia et suseia
A Filmoteca de Galicia é un dos espazos centrais do festival e acollerá a homenaxe a Kenneth Anger o día da apertura
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, acompañou hoxe a organización da (S8) Mostra de Cinema Periférico na presentación da súa 15ª edición, que terá lugar do 31 de maio ao 9 de xuño en diferentes localizacións da cidade da Coruña con máis de 130 proxeccións do audiovisual máis vangardista. Estreas, obras inéditas, referentes internacionais convidados, retrospectivas únicas en Europa e unha aposta clara polas novas xeracións de artistas fan da (S8) unha cita consolidada xa como referente arredor do cinema experimental, que volve atoparse entre a listaxe de certames subvencionados pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través das axudas para festivais audiovisuais, unha liña que este ano distribúe 300.000 euros entre 10 eventos.
Así o explicou Jacobo Sutil, que lembrou que a dotación destas axudas incrementouse nun 33% respecto á convocatoria do ano pasado, aumento que vén ratificar o apoio do Goberno galego a estas mostras polo seu valor estratéxico para o sector e para o conxunto das industrias culturais. En concreto, a cita coruñesa recibe este ano 50.000 euros.
Nova vangarda galega
O representante da Xunta tamén puxo en valor a presenza da nova vangarda galega dentro da programación da vindeira (S8), representada na sección Sinais cos traballos de Iago Lourido, que propón unha obra enmarcada en San Sadurniño e na súa experiencia no festival Chanfaina Lab; Yasmina Farhani Luaces, graduada en Belas Artes en Pontevedra que trae a (S8) unha obra nacida do taller impartido por Berio Molina na última edición do festival Novos Cinemas de Pontevedra; ou o vigués Pablo Agma, recente gañador das bolsas ao desenvolvemento ese8_LAB, organizadas polo festival. Neste sentido, o director de Industrias Culturais felicitou a dirección da (S8) por abordar estas residencias como un elo imprescindible na creación de novas narrativas dentro do cinema, ofrecéndolles aos artistas un espazo para mostrar o resultado deses procesos.
Continuando coa presenza galega nesta edición, a obra da artista de Xinzo de Limia, residente en Barcelona, María Ruído protagonizará o programa monográfico en liña Ultreia et suseia, dedicado cada ano ás voces máis destacadas do cinema galego actual.
Na Filmoteca de Galicia
Entre as pantallas que proxectarán a programación do festival inclúese a da Sala José Sellier da Filmoteca de Galicia, onde, no marco da súa dinámica de colaboración con distintos festivais galegos, se van proxectar varias das fitas da retrospectiva de Narcisa Hirsch, os programas dedicados a Morgan Fisher, Annalisa Quagliata e Rhayne Vermette e a homenaxe ao cineasta norteamericano falecido hai un ano, Kenneth Anger, que terá lugar o día de apertura do evento.
Autor do famoso libro Hollywood Babylon, publicado en 1965 e en cuxas páxinas desfilaba o máis escabroso da industria do show business, a mostra quere renderlle homenaxe na apertura do día 31 de maio coa sesión O cine de Thelema, no marco da que se proxectarán na cinemateca da Xunta os seus filmes Lucifer Rising e Inauguration of the Pleasure Dome.
A potencia creativa das cineastas
O discurso fílmico das creadoras de vangarda imponse nunha programación que atravesa a obra de referentes como Narcisa Hirsch –coa primeira gran retrospectiva tras o seu falecemento hai poucas semanas e a quen se lle dedica este ano o festival– ou a estadounidense Margaret Honda. O programa tamén se detén no cinema underground de Annalisa D. Quagliata e na memoria da diáspora de Franci Durán, a chilena afincada no Canadá cuxo traballo, relacionado coa Film Farm, enraíza na experimentación con soportes fotoquímicos. Será unha das protagonistas do foco canadense da 15º (S8) xunto con Rhayne Vermette, cineasta Métis (un dos tres pobos aborixes recoñecidos en Canadá), premiada na Berlinale e no festival de Toronto coa súa primeira longa Ste. Anne.
O traballo das mulleres no audiovisual actual centra tamén o foco da nova sección Sinais Latinoamérica, na que se proxectarán exclusivamente obras de mozas creadoras. Ademais, o dinamismo e a mocidade da escena actual de cinema experimental canadense vén da man de the8fest, festival veterano dedicado a mostrar exclusivamente cinema feito en súper 8, hoxe dirixido pola cineasta exipcia-canadense Robin Riad, que traerá unha selección de pezas da historia do festival.
Por último, a sección Desbordamentos, dedicada ao cinema expandido, acolle este ano a dúas artistas que transitan ese camiño: Gaëlle Rouard e Lynn Loo. De Rouard, unha das fundadoras do mítico Atelier MTK en Grenoble, poderase ver entre outras, a súa película Darkness, Darkness, Burning Bright que se estreou no Festival de Rotterdam e gañou o Premio á Mellor Película Experimental do festival Curtas Vila do Conde, en Portugal. Pola súa banda, Lynn Loo, música e cineasta orixinaria de Singapur e radicada en Londres, explora o cinema expandido con filmes-performances nos que emprega varios proxectores de 16 mm funcionando á vez. Dentro desta sección tamén se poderán ver as obras resultantes de BAICC, a residencia do LIFT de Toronto, que este ano foi desfrutada por Agnès Hayden; e das Bolsas ese8_LAB, grazas ás que a artista peruana afincada en Madrid, Nicole Remy, viaxou ao Nanolab en Australia.