Share
Cultura

A Xunta colabora coa Academia Galega do Audiovisual para levar as mellores curtametraxes do ano a 24 concellos galegos

O ciclo Mestre Mateo de curtas comeza mañá no cine Alfonsetti de Betanzos coa proxección dun programa dobre que inclúe filmes de ficción e animación 

Na selección figuran varios filmes apoiados desde a Axencia das Industrias Culturais como ‘To bird or not to bird’ de Martín Romero, premiada na última edición dos Goya

Por primeira vez, as curtametraxes pasan a formar parte do catálogo deste circuíto de cinema galego grazas a un acordo entre a Academia e as administracións central e autonómica

O ciclo Mestre Mateo de cinema galego inclúe por primeira vez na súa programación as curtametraxes finalistas na pasada edición dos Premios Mestre Mateo grazas á colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais, o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales e a Academia Galega do Audiovisual. Será un total de nove filmes que se van proxectar en 24 concellos de Galicia localizados fóra da contorna das grandes cidades e que non contan cunha oferta de salas comerciais.

A primeira destas proxeccións terá lugar mañá, 3 de outubro, no cine Alfonsetti de Betanzos. O programa, dividido en dúas sesións, inclúe os filmes finalistas nas categorías de Mellor Curtametraxe de Animación e Mellor Curtametraxe de Imaxe Real dos pasados Premios Mestre Mateo, con varios títulos que contaron co apoio da Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento. No bloque de ficción poderán verse Antes de que se poña o sol, de Nani Matos; Nena, dirixida por Xosé A. Touriñán e Jairo Iglesias, O coidado, de Miguel Canalejo; O neno sardiña, de Lucía Estévez; e Ulises, de Félix Brixel. Na categoría de animación exhibiranse O monstro e a nena, de Jorge J. Costas; To bird or not to bird, dirixida por Martín Romero e premiada na última edición dos Goya; Illa Cordura, de Mario Fernández Filloy; e In Half, de Jorge Morais.

Audiovisual no rural

A inclusión das curtametraxes na programación do ciclo constitúe unha aposta pola accesibilidade á cultura nas áreas rurais, polo que conecta cun dos obxectivos principais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para esta lexislatura, e pola promoción do cinema no formato de duración reducida, moi vinculado aos talentos emerxentes e que non dispoñen de circuítos de distribución e exhibición estables.

As dúas sesións de curtametraxes proxectaranse nas localidades que están a programar o ciclo Mestre Mateo nas catro provincias galegas. Na da Coruña haberá proxeccións na Laracha, Betanzos, Boiro, Cedeira, Valdoviño e Vimianzo; na de Lugo poderán verse na Pobra do Brollón,  A Fonsagrada, Taboada, Foz, Meira, Monterroso, Sarria e Vilalba; na de Ourense chegarán a Celanova, San Cristovo de Cea e Ribadavia; e na de Pontevedra están programadas nas Neves, Cerdedo-Cotobade e Ribadumia. Están por pecharse as proxeccións noutros catro concellos que se engadirán ao programa nas próximas datas.

Escaparate da produción galega

O ciclo Mestre Mateo incorpora así o formato curto no seu terceiro ano de andaina, fortalecendo unha programación na que xa están presentes longametraxes de ficción e documentais, convertendo esta iniciativa nun dos mellores escaparates da produción galega, cuxa calidade vén referendada pola selección previa dos galardóns que outorga a Academia Galega do Audiovisual.

Con esta iniciativa facilítase un espazo para a proxección deste tipo de pezas co obxectivo de aumentar a presenza de voces novas e diversas no noso audiovisual e permitir que unha nova xeración de creadores e creadoras atope máis facilidades á hora de desenvolver estes proxectos, que adoitan ser o primeiro paso dunha carreira. Ao tempo, achégaselle ao público un tipo de cinema que ofrece propostas estimulantes nas que se experimenta tanto nas formas como nas temáticas.