A Xunta colabora co programa 'Atopémonos bailando' para acoller en Lugo as residencias de seis creadoras de Galicia, Madrid e Portugal
Colectivo Glovo e Concello de Lugo desenvolven esta edición, para a que foron selecionados os proxectos das artistas Paula Quintas, Sabela Mendoza, Sonsoles Cordón, Lucía Marote, Alba González Herrera e Sofía Kafol

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, interveu hoxe na presentación en Lugo dos seis proxectos seleccionados para Atopémonos bailando, programa de residencias artísticas e de investigación arredor da danza e das artes do movemento que conta co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Sutil agradeceulle á organización desta iniciativa, desenvolvida pola compañía Colectivo Glovo xunto co Concello de Lugo, a súa aposta por este formato de estadías artísticas que, nas súas palabras, “se está a revelar hoxe en día como unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento cultural”. As creadoras Paula Quintas, Sabela Mendoza e Sonsoles Cordón de Galicia, Lucía Marote e Sabela González Herrera de Madrid e Sofía Kafol de Portugal foron as seleccionadas para participar nesta edición, con residencias de 5 a 10 días que se levarán a cabo entre os meses de maio e outubro no auditorio do Museo Interactivo da Historia de Lugo
Os proxectos, elixidos entre máis de 90 propostas presentadas (11 de Portugal, 32 de Galicia e 50 do resto de España), realizarán tamén diferentes actividades de mediación cultural para a cidadanía co obxectivo de incentivar a difusión e a formación sobre os procesos creativos da danza contemporánea e conseguir, en consecuencia, máis espectadores para este tipo de propostas.
Reactivación do sector
Con esta convocatoria, Colectivo Glovo dálle continuidade ao programa homónimo de residencias, formación, mediación e exhibición que desenvolveu en 2020 e 2021 xunto cunha media ducia de formacións emerxentes, tamén coa axuda da Xunta a través dunha liña extraordinaria de subvencións para a reactivación e o impulso do sector escénico fronte aos efectos da pandemia.
O responsable de Industrias Culturais do Goberno galego lembrou, así mesmo, outras colaboracións con esta compañía a través de diferentes programas e circuítos de espectáculos, así como do programa de coproducións do Centro Coreográfico galego, dentro do que desenvolveron e xa están a representar o seu espectáculo Tabú.