A Xunta colabora co Clúster Audiovisual Galego na procura de acordos para novos proxectos de cinema e televisión
O director da Agadic participou na inauguración en Pontevedra do encontro I+P. Ideas para producir, articulado arredor de pitchings e reunións personalizadas
Dezaoito novas propostas audiovisuais, a meirande partes delas galegas, preséntanse diante dos responsables de contidos de coñecidas canles televisivas, produtoras e distribuidoras
A Xunta volve prestarlle apoio ao Clúster Audiovisual Galego (Clag) no desenvolvemento do seu encontro profesional I+P. Ideas para producir, que está a celebrar a súa 13ª edición no Pazo da Cultura de Pontevedra. A xornada arrancou esta mañá coa sesión de pitchings, na que se están a presentar 18 propostas –a meirande parte delas, galegas– diante dos responsables de contidos de destacadas canles de televisión, produtoras e distribuidoras, á que seguirán pola tarde as reunións personalizadas pola organización na procura de posibles acordos cara á materialización destes proxectos.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, interveu na inauguración do evento xunto a Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e Jorge Algora, presidente do Clag. Alí explicou que a Xunta apoia esta actividade a través da Consellería de Cultura e Turismo e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), ademais de subliñar o seu labor durante todos estes anos no fomento das alianzas creativas e empresariais cara á chegada as pantallas de moitos títulos galegos. Ademais, nas súas palabras, esta iniciativa “converxe de xeito moi positivo á hora de situar a produción galega na xénese de proxectos abertos á participación por estruturas e compañías de fóra de Galicia”, adaptándose así a un mercado cada vez máis competitivo e en crecente internacionalización.
O responsable da Agadic incidiu tamén no bo ano que 2019 está a ser para o audiovisual galego, recoñecido fóra das nosas fronteiras en citas de primeiro nivel. Neste sentido, lembrou que a pasada fin de semana Jaione Camborda obtivo o premio á mellor dirección na sección ‘Las nuevas olas’ do Festival de Sevilla e ‘O que arde’, de Oliver Laxe, conseguiu o Astor de Oro á mellor película do festival arxentino de Mar del Plata, onte tamén foi premiada polo seu guión. Ambos os dous filmes contaron, ademais, con subvención da Xunta para a súa produción.
Empresas representadas
Entre os asistentes a esta décimo terceira edición do encontro atópanse os representantes de destacadas entidades e empresas audiovisuais como RTVE, Mediaset España, Movistar+, CRTVG, Aragón TV, TV3, Grupo Euskatel, Filmax, A contracorriente Films, DeAPlaneta, Portocabo ou Atípica Films.
Xa durante a sesión de pitchings tiveron a oportunidade de comprobar a variedade de xéneros e formatos nas que se está a traballar dentro da parte creativa do sector. Así, entre os 18 proxectos presentados atópanse longametraxes e series documentais (María Casares. La mujer que vivió mil vidas, de Agallas Films; Dúas vellas, sete gatos e tres máquinas de coser, de Impulso TV, e O silencio herdado, de La Selva), series de ficción (Overexposed, de Productora Faro; Atlantic Touch, de Congo Producciones; Balea, de Daniel Suárez; Juego de damas, de Celia González; La indiana, de Jorge Hernández; Dentro del laberinto, de Lekanto, e Fase tres, de Jorge Blas), longametraxes cinematográficas (Starmucks, de Gaitafilmes; O corpo aberto, de Ollo Vivo; Las brujas de O Mato, de Héctor Domínguez Viguera; Loveless, de Acheron Films; Destello Bravío, de Ainhoa Rodríguez,e Los suspiros de Belle Films and TV) ea serie de animación Los cuentos de Ori (Ori’s Tales), de Producciones Vigo e EISV.