A Xunta aumenta ata 260.000 euros a dotación das subvencións para o desenvolvemento de novos proxectos audiovisuais
O seu orzamento increméntase en 20.000 euros respecto a 2018, mantendo a tendencia ascendente que vén describindo nos últimos seis anos
O DOG publica hoxe esta convocatoria da Agadic, dirixida a apoiar os traballos de preprodución de longametraxes cinematográficas e produtos televisivos
A Consellería de Cultura e Turismo impulsa os traballos de preprodución de novas obras para cinema e televisión a través das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais, das que hoxe se publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para 2019. A súa dotación é de 260.000 euros, contía que supón un incremento de 20.000 euros respecto a 2018, dándolle así continuidade á tendencia ascendente dos últimos seis anos.
Esta liña de apoio enmárcase no programa de axudas públicas da Xunta ao sector co obxectivo de impulsar a actividade da nosa industria audiovisual xa desde o proceso previo á produción e rodaxe de novas longas cinematográficas e produtos televisivos nas seguintes modalidades: longametraxes, series e miniseries de ficción para cinema e televisión; longas cinematográficas e series de animación; documentais para cine e televisión, e pilotos de programas televisivos de formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.
A través desta convocatoria, para a que o prazo de solicitude se manterá aberto ata o vindeiro 1 de xullo, cada empresa solicitante pode resultar beneficiaria nun máximo de dúas propostas, cubrindo ata un 75% do orzamento subvencionable sobre o total de cada unha. Deste xeito, búscase facilitar que as produtoras poidan asumir o proceso de desenvolvemento de varios proxectos á vez.
Xa cara á súa posterior rodaxe, posprodución e chegada ás pantallas, nos anos seguintes estes mesmos títulos poderán presentarse ás subvencións da Xunta tanto para produción e coprodución audiovisual como para a súa difusión en feiras e mostras, ademais de a outros fondos estatais e europeos.
En 2018, estas subvencións distribuíronse entre 14 futuras películas e series para cinema e televisión. En concreto, apoiáronse cinco novas propostas de longametraxes de ficción, catro series e miniseries televisivas, catro documentais e unha película de animación, todas elas promovidas por produtoras galegas.