A Xunta aumenta ata 250.000 euros a dotación do circuíto 'Cultura no Camiño' para ampliar a oferta cultural dos concellos das rutas xacobeas
Ábrese hoxe o prazo de solicitude desta liña de subvencións a entidades locais para programar espectáculos galegos de artes escénicas e musicais entre o 15 de xuño e o 31 de agosto
A iniciativa chega á súa 11ª edición mantendo como prioridade a dinamización cultural das localidades polas que discorren os diferentes camiños de Santiago e o fomento da contratación formacións artísticas profesionais con sede en Galicia
O reforzo deste programa intégrase no Plan Xeración Cultura elaborado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades cun investimento de 34M para levar a cabo 57 accións en 2023

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo de solicitude das axudas do programa Cultura no Camiño para concellos polos que discorren as diferentes rutas xacobeas co fin de programar espectáculos galegos de artes escénicas e musicais entre o 15 de xuño e o 31 de agosto. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades amplía ata 250.000 euros a dotación desta convocatoria, contía que supón un aumento dun 8,7% respecto ao ano pasado.
O reforzo desta iniciativa intégrase no Plan Xeración Cultura 2023 a través do que o Goberno galego está a desenvolver unha batería de 57 accións, cun investimento de 34M€ en resposta ao bo momento creativo e profesional do sector co fin de continuar co seu crecemento e de contribuír á súa preparación para enfrontar novos retos. En concreto, as redes de distribución de espectáculos promovidas pola Xunta intégranse no primeiro dos cinco eixes do plan baixo o epígrafe “Acceso universal á cultura”.
No caso de Cultura no Camiño, o seu orzamento destínase integramente a cofinanciar a contratación de actuacións de teatro, música, danza, circo e maxia, en diferentes porcentaxes segundo o número de habitantes do concello solicitante. A Xunta asume ata o 50% do custo dos espectáculos en municipios de menos de 20.000 habitantes, cunha contía máxima de 2500 euros por adxudicación, e ata o 40% nas entidades que superen esta poboación, cun límite de 3500 euros por axuda.
Máis información: Cultura no Camiño 2023