Share

A Xunta aproba tres liñas de subvencións con 600.000 euros para dotar de liquidez as industrias culturais por diferentes gastos

O conselleiro Román Rodríguez presidiu hoxe a reunión do Consello Reitor da Agadic na que se validaron as novas convocatorias, incluídas no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico

Dúas das bases van destinadas ao sector audiovisual: desenvolvemento de proxectos de produción galega e asistencia a foros e mercados, e a terceira refírese á distribución de concertos e espectáculos escénicos

Estas medidas súmanse ás resolucións de ampliación de prazos para outras axudas xa publicadas antes do estado de alarma, como son as dirixidas a produción audiovisual e a creación escénica, ademais dos premios de escrita dramática

A Xunta aproba tres liñas de subvencións con 600.000 euros para dotar de liquidez as industrias culturais por diferentes gastos

A Xunta de Galicia aprobou hoxe tres liñas de subvencións ás industrias culturais cunha dotación total de case 600.000 euros e centradas en activar o desenvolvemento de novos proxectos audiovisuais, así como dotar de liquidez as empresas creativas galegas para o pagamento de gastos de asistencia a foros cinematográficos e de distribución de espectáculos realizados con anterioridade ao estado de alarma.

 

Estas medidas, que forman parte do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19, quedaron materializadas na reunión do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) presidida polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e serán publicadas no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días.

 

A convocatoria para desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega destinará 260.000 euros a impulsar a actividade da nosa industria xa desde o proceso previo á produción e rodaxe de novas longas cinematográficas e produtos televisivos nas seguintes modalidades: longametraxes, series e miniseries de ficción para cinema e televisión; longas cinematográficas e series de animación; documentais para cine e televisión, e pilotos de programas televisivos de formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.

 

Desprazamentos por actividades anteriores

Por medio das bases para a asistencia a foros e mercados do sector audiovisual adxudicaranse 30.000 euros para contribuír aos gastos das participacións levadas a cabo neste tipo de certames, realizados fóra de Galicia, entre o 1 de decembro de 2019 e o 15 de marzo de 2020.

 

O financiamento dos desprazamentos producidos con anterioridade á emerxencia sanitaria tamén é o principal obxecto da terceira das liñas aprobadas hoxe, dirixida á distribución das industrias culturais por un valor de 300.000 euros (150.000 para espectáculos de artes escénicas e outros 150.000 para concertos de música). Neste apartado, poderanse presentar os gastos realizados entre o 1 de novembro de 2019 e o 12 de marzo de 2020, sempre que cumpran os requisitos estipulados.

 

Continuidade con novos prazos

Estas tres novas convocatorias súmanse ás xa publicadas pola Xunta con anterioridade ao estado de alarma e que viron a súa tramitación interrompida, cuxos procedementos se retoman agora con prazos ampliados.

 

Así, o pasado venres 15 publicouse no DOG a continuidade da resolución de subvencións á creación escénica, dotada con 800.000 euros, que estende o seu prazo de recepción de propostas ata o 4 de xuño. Do mesmo xeito, esta semana faranse públicos os prazos ampliados para a presentación de proxectos de produción e coprodución audiovisual de contido cultural galego, que adxudicará 2.500.000 euros á realización de longametraxes, curtas e formatos específicos para televisión. Está previsto que o DOG do mércores 20 recolla que o novo prazo rematará o 17 de xuño.

 

Tamén aumentará o prazo de recepción de orixinais aos premios de escrita dramática XXV Álvaro Cunqueiro, XI Manuel María e XIV Barriga Verde, xa que o venres 22 o DOG fará público que os autores e autoras poderán enviar as súas pezas teatrais inéditas ata o 6 de xullo.