A Xunta apoia a programación vangardista do WOS Festival a través dunha subvención da Agadic e da marca FEST Galicia
É un dos 12 adxudicatarios da convocatoria pública de axudas a festivais de música e un dos 10 asociados á nova iniciativa autonómica que promove Galicia como destino musical con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social
A música experimental e electrónica centra a oferta que o evento despregará en 11 espazos de Santiago do 12 ao 16 de setembro, xunto cos seus programas paralelos de cinema e charlas
O WOS Festival x SON Estrella Galicia presentou hoxe a programación completa da súa quinta edición, que entre o 12 e o 16 de setembro despregará en Santiago unha ampla oferta musical baseada na música electrónica e experimental e noutras manifestacións artísticas, tamén situadas na vangarda cultural.
Serán unha trintena de concertos xunto cos programas paralelos de cinema e de charlas, que terán lugar en 11 escenarios da cidade.
O evento compostelán volve contar co apoio da Xunta de Galicia, a través das subvencións a festivais profesionais de música que convoca cada ano a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Ademais, este ano o WOS integrouse na marca FEST Galicia como un dos 10 festivais adheridos a esta nova iniciativa do Goberno autonómico para promover o territorio galego como destino musical de acordo con criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social.
Así o expuxo o director da Agadic, Jacobo Sutil, nesta presentación, que compartiu con Iván Arias, director do festival organizado pola compañía galega Work On Sunday; Ana Isabel Vázquez, directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, e os representantes doutras das institucións e empresas colaboradoras.
‘Outra forma de facer festivais’
Sutil sinalou que, por terceiro ano consecutivo, a Agadic apoia economicamente o WOS, que nesta ocasión é un dos 12 encontros entre os que se distribuíron os 280.000 euros cos que se dotou a última convocatoria de subvencións a festivais de música. Ademais, agradeceulle aos organizadores a súa implicación no proxecto FEST Galicia. “As particularidades deste evento tan especial, que lle engade un plus de vangarda ao actual panorama musical galego e mesmo estatal, encaixa á perfección co lema ‘Outra forma de facer festivais’, co que desde a Xunta estamos a promover a nova marca FEST Galicia”, afirmou.
Explicou, así mesmo, que esta iniciativa, que botou a andar a mediados de xuño tras meses de conversas co sector e logo dunha convocatoria pública, é un proxecto transversal para sumar estratexias e accións de diferentes departamentos da Administración autonómica, de xeito que se reforce o apoio que xa se lles estaba brindado aos festivais mediante a convocatoria de subvencións da Agadic. O obxectivo é promover dentro e fóra de Galicia un tipo de festivais que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegar valores engadidos á experiencia musical, tanto na súa oferta de actividades como na súa xestión e organización.
Neste sentido, sinalou que o evento da compañía Work On Sunday reúne moitas características para formar parte deste proxecto común. Destacou que se trata dun festival cen por cento urbano e indoor, con 11 puntos de celebración, entre os que se atopan tres espazos da Xunta: a Cidade da Cultura de Galicia, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego. Tamén subliñou a súa vocación multidisciplinar e a calidade do seu cartel de concertos, con propostas arredor da música electrónica e da investigación sonora que chegarán a Santiago avaladas polo recoñecemento de público e prensa a nivel internacional.
Estreas en Galicia e España
Así por exemplo, o aclamado espectáculo audiovisual Continuum, de Paul Jebanasam e Tarik Barri, e a performance 100 Keyboards, do artista sonoro xaponés Asuna Arashi, presentaranse por primeira vez en Galicia e en España, respectivamente, no marco do festival.
Tamén serán pratos fortes desta programación o dúo The Bug feat. Miss Red, formado polo DJ e produtor británico Kevin Martin e a MC israelí Sharon Stern; a norteamericana Laurel Halo, un dos grandes nomes da electrónica da última década; o artista húngaro Gábor Lázár ou o compositor serbio de drone ambient Abul Mogard, na que será a súa primeira visita a España. Group A, Lucy Railton, CV & JAB, RRUCCULLA, Skee Mask, Kreidler ou Suso Saiz, pioneiro da arte sonora no noso país, son outros dos artistas confirmados para esta quinta edición do WOS Festival.