A Xunta apoia a presentación no Festival de Cine de San Sebastián dos filmes 'Trote' e 'Gallo'
A Agadic contribúe á promoción no prestixioso encontro internacional de ambas fitas de Frida Films, que contaron tamén con cadansúa subvención á produción
Tras o seu paso por Locarno, Xacio Baño presenta a súa primeira longametraxe o día 25 na sección Zabaltegi-Tabakalera, mentres que o documental de Antonio Díaz Huerta terá a súa estrea mundial o día 24 en Zinemira
Xunto con Trinta lumes, de Diana Toucedo, conforman a representación do cinema galego na 66ª edición do festival
A Xunta de Galicia contribúe á promoción na 66ª edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián das producións Trote e Gallo, encabezadas pola compañía galega Frida Films, que se presentan a próxima semana nas seccións competitivas Zabaltegi-Tabakalera e Zinemira, respectivamente.
Ambas as fitas contaron con subvención autonómica a través da liña de axudas a producións e coproducións audiovisuais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que contribúe así mesmo á difusión destes títulos no prestixioso festival donostiarra. Ata alí desprazaranse parte dos equipos das fitas dirixidas por Xacio Baño e Antonio Díaz Huerta para participar na presentación e nos coloquios correspondentes. Asistirán, así mesmo, á recepción organizada baixo a marca da Xunta Films from Galicia, que terá lugar o martes 25 na sala Dabadaba ao concluír o primeiro pase de Trote na Sala 1 de Tabakalera-Centro Internacional de Cultura Contemporánea.
Tras a súa estrea internacional o pasado agosto no festival suízo de Locarno, a que é a primeira longametraxe do realizador galego Xacio Baño preséntase agora en San Sebastián, que xa en 2016 seleccionara Trote para o seu programa de residencias Ikusmira Berriak, promovido en colaboración con Tabakalera e a Fundación Donostia-San Sebastián 2016 Capital Europea de la Cultura.
A película xira arredor de Carme, atrapada no ambiente opresivo da súa familia e da pequena aldea do interior de Galicia na que vive. Como na Rapa das Bestas, celebración durante a que transcorre esta historia, Trote reflicte a loita entre o home e o cabalo, ao tempo que entre a razón e o instinto.
Subvencións á difusión do cinema galego
Xacio Baño, o seu director e guionista, asistirá á presentación xunto aos actores Celso Bugallo, Melania Cruz e María Vázquez, a produtora Luisa Romeo, de Frida Films, e Marija Razgute, da compañía lituana Ciobreliai Films, coprodutora da película. Tanto para as súas accións promocionais en San Sebastián –onde ofrecerá outros tres pases– como para as desenvolvidas en Locarno, a fita conta tamén con axuda económica da Agadic a través da convocatoria para a difusión do cine galego en festivais e mostras de prestixio que se celebran fóra de Galicia, ademais de recibir previamente unha subvención de máis de 250.000 euros para a súa produción.
No caso do documental Gallo, o apoio da Xunta a Frida Films foi de 60.000 euros, adxudicados a través desta mesma liña de axudas á produción audiovisual. O filme, coproducido coa bilbaína Marmoka Films, estrearase internacionalmente o luns 24, ademais de ter outras catro proxeccións programadas no marco da sección Zinemira, dedicada ao cinema con participación vasca na súa produción.
Surf e superación
Antonio Díaz Huerta, director de series de televisión como El internado e Luna, el misterio de Calenda, debuta na realización cinematográfica con esta fita, que foi un dos proxectos seleccionados no XII Foro de Coproducción de Documentales Lau Haizetara. O documental conta como o surfista Aitor Francesena, a quen os médicos lle aconsellaran non volver practicar o seu deporte a causa dun glaucoma conxénito, vence os seus medos revivindo o accidente no que hai cinco anos perdeu a vista por completo mentres surfeaba.
Tanto o director como o protagonista de Gallo participarán na presentación e no coloquio co público nos cines Príncipe xunto con Sergio Frade, de Frida Films, e Alexander García de Vicuña, de Marmoka.
A representación galega nesta 66ª edición do festival complétase con Trinta lumes, a primeira longa de ficción de Diana Toucedo, estreada o pasado mes de febreiro na sección Panorama do Festival de Berlín. En San Sebastián, onde se exhibe os días 23, 24 e 25, foi seleccionada como parte de Made in Spain, sección non competitiva a través da que se amosa un panorama do cinema español deste ano.
-Festival de Cine de San Sebastián