Share

A Xunta apoia o festival Novos Cinemas de Pontevedra como altofalante do audiovisual galego e punto de encontro do sector

O certame é unha das 10 citas subvencionadas a través da última convocatoria de axudas a festivais do sector audiovisual

O programa inclúe a presenza destacada de filmes de produción galega, con participación de Cultura e Turismo, como ‘Arima’ ou ‘Longa noite’, ademais do primeiro foco que se lle dedica en España ao belga Bas Devos

A Xunta apoia o festival Novos Cinemas de Pontevedra como altofalante do audiovisual galego e punto de encontro do sector

O Festival Internacional de Cine de Pontevedra Novos Cinemas presentou hoxe a súa cuarta edición, que do 10 ao 15 deste mes desenvolverá un programa con presenza destacada do audiovisual galego nas sesións de apertura e clausura, varias vías para o encontro entre os profesionais do sector e o primeiro foco que se lle dedica en España ao cineasta belga Bas Devos. Este certame é un das 10 citas subvencionadas a través da última convocatoria pública de axudas da Xunta a festivais do sector audiovisual para 2019.
A Casa da Luz pontevedresa acolleu este acto, no que interveu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Jorge Soto; a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso; a concelleira de Animación Sociocultural e Festas do Concello de Pontevedra, Carme da Silva, e Ángel Santos e Suso Novás, codirectores xunto con Daniel Froiz deste festival, organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas e pola produtora audiovisual Matriuska.
 
Dez certames subvencionados
Sutil sinalou que a inclusión desta iniciativa na listaxe de eventos audiovisuais subvencionados pola Xunta en 2019, convocatoria a través da que recibiu máis de 12.000 euros para a súa anterior edición, responde á decisión dunha comisión independente que valorou a súa traxectoria, programación, viabilidade e interese. Ademais, aproveitou para anunciar que a convocatoria para festivais de 2020, próxima á súa publicación, manterá a progresión ascendente dos últimos anos en canto á súa dotación.
 
O director da Agadic subliñou o papel protagonista do cinema galego coas proxeccións de Arima, de Jaione Camborda, na sesión de apertura, e de Longa noite, de Eloy Enciso, no peche do certame. “Ambos son dous magníficos expoñentes do cinema galego actual, que contaron, ademais, con axuda económica da Xunta para a súa produción e veñen de terse presentado noutras importantes citas internacionais”, asegurou. En Novos Cinemas poderán verse, así mesmo, as primeiras imaxes doutro filme realizado con subvención autonómica, Eles transpotan a morte, de Helena Girón e Samuel Delgado, que asinan tamén o vídeo de cabeceira desta cuarta edición. 
 
Sutil remarcou o papel do Festival Internacional de Cine de Pontevedra como altofalante de olladas e realidades cinematográficas diferentes, tanto respecto dos seus monográficos como da principal característica que definen as dúas seccións competitivas: Oficial, centrada en primeiras e segundas obras de cineastas escollidos, e Latexos, con cinco filmes inéditos en Galicia.
 
Un ano máis, Novos Cinemas volverá ser tamén punto de encontro para o sector profesional a través de varias vías, como a Mesa de Desenvolvemento de Proxectos, Mesa Proxecta, espazo LAB ou a primeira presentación pública da iniciativa Cinegalicia 2019, a través da que un grupo de novos artistas en áreas como a creación, o vídeo, a crítica, a música e o deseño, conmemoran o 30º aniversario das estreas de Continental, Sempre Xonxa Urxa no certame Cinegalicia de 1989.
 
-Novos Cinemas