A Xunta apoia a formación musical da Banda Sinfónica Galega cunha residencia artística que culminará cun concerto ao aire libre no Gaiás
- Na benvida aos participantes, José López Campos fixo fincapé na importancia das bandas dentro do panorama musical galego
- A Banda Sinfónica Galega é unha agrupación conformada por 65 músicos de entre 18 e 30 anos escollidos por mestres de recoñecido prestixio
- As xornadas botan o peche o vindeiro sábado día 3 de agosto cun concerto conxunto na Praza Central ás 21,00h con entrada libre e de balde
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, visitou hoxe aos participantes na residencia artística Efemérides 2024, unhas xornadas que se levan a cabo no Gaiás ata o 3 de agosto coa participación de 65 músicos.
Trátase dunha iniciativa que, tal e como explicou o representante da Xunta de Galicia, culminará o vindeiro sábado 3 de agosto cun concerto conxunto que terá lugar ás 21,00 horas na Praza central con entrada libre e de balde. Neste senso, López Campos, fixo fincapé na importancia destas formacións dentro do panorama musical galego e na celebración destas convivencias anuais que fomentan a mellora formativa das distintas especialidades instrumentais.
Este ano, as xornadas realízanse por primeira vez no Gaiás converténdose nunha residencia artística na que crear sinerxías e aprender da man de tres profesores de gran renome: o profesor de vento madeira Carlos Timiraos Timiraos, o profesor de vento metal Carlos Figueira Abuín, e o profesor de percusión Diego Rosal Chaves, ademais do director artístico do proxecto, David Fiuza Souto. Efemérides 2024 contribúe así á divulgación da música galega, achega aos músicos repertorio que dificilmente se interpreta nas bandas populares e potencia a Banda Sinfónica Galega como un conxunto instrumental que defende e promove os valores de todas as bandas de música populares galegas.
A Banda Sinfónica Galega é a agrupación que representa á Federación Galega de Bandas de Música Populares, que está formada por uns 6.700 músicos, dos cales máis do 70% son menores de 30 anos. Estas cifras amosan o importante papel que xogan estas agrupacións na formación musical da mocidade galega.
Un concerto de peche ao aire libre
A residencia Efemérides 2024 culminará cun concerto da Banda Sinfónica Galega o sábado 3 de agosto ás 21,00h na Praza Central. O acto constará dun programa configurado cun repertorio vinculado ao ano 24 dos séculos XIX-XX-XXI no que se engloba unha perspectiva estilística variada. Dende repertorio clásico que nace trala extensión dos grupos de música de cámara; pasando polo poema sinfónico de Ottorino Respinghi de 1924; ata situarnos na actualidade, momento no que se estreará a obra do compositor galego Santiago Barreira.