A Xunta adxudica por máis de 200.000 € a redacción do proxecto para obras de conservación e mantemento no Salón Teatro
O estudo de arquitectura pontevedrés Rodríguez+Pintos SLP será o responsable de levar a cabo esta actuación nun prazo máximo de 25,5 meses
O principal obxectivo é definir as intervencións necesarias para resolver a problemática de cuberta, mellorar a accesibilidade e a seguridade e optimizar a eficiencia enerxética
A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por un importe de 200.798,47€ a redacción do proxecto básico e de execución, así como de dirección de obra, que permitirá definir as tarefas necesarias para garantir a conservación e mantemento do edificio do Salón Teatro de Santiago de Compostela, actual sede do Centro Dramático Galego. Así se comunicou no portal de Contratos de Galicia onde se precisa que o estudio de arquitectura pontevedrés Rodríguez+Pintos SLP será o responsable de levar a cabo esta actuación nun prazo máximo de 25,5 meses.
Tal e como se recolle na documentación, o principal obxectivo desta contratación é deseñar cales serán os traballos necesarios para resolver as patoloxías que afectan á cuberta, mellorar a accesibilidade e a seguridade en caso de incendio e optimizar a eficiencia enerxética do inmoble. Deste xeito, no proxecto que acaba de ser contratado definirase a metodoloxía para substituír a cuberta e os elementos de evacuación pluvial co fin de resolver os problemas de estanquidade, o deseño da adaptación dos espazos e servizos para fomentar a inclusión e a participación de todas as persoas usuarias e a mellora da accesibilidade e as condicións de evacuación do edificio.
Así mesmo, para previr o risco de incendio, incluirase unha proposta de sectorización coa caixa escénica e o resto do edificio e renovaranse os elementos decorativos e de equipamento. Por último, avaliarase o estado actual dos subministros de auga quente, electricidade, iluminación e ventilación e abordarase a eficiencia enerxética do edificio, tanto desde o punto de vista construtivo como das instalación das instalacións dos equipos de climatización, ventilación e iluminación.
Un escenario histórico
A orixe do Salón Teatro remóntase a 1919, cando a Liga da Mutua de Señoras de Santiago promoveu a súa primeira reconstrución. O edificio, situado en pleno casco histórico, foi inaugurado o 30 de outubro de 1920 como unha sala de eventos e espectáculos destinada a servir ás actividades dos socios. Poucos anos despois, o inmoble pasou a ser propiedade de Acción Católica, entidade que o empregou para as súas actividades educativas e recreativas.
Xa na década dos anos trinta, foi adquirido pola Empresa Fraga, que o transformou nun dos principais cinemas da cidade, dedicándose case que en exclusiva á exhibición cinematográfica durante varias décadas. En 1949, o edificio experimentou unha importante remodelación da súa fachada, deseñada polo arquitecto Pons Sorolla, que lle conferiu un novo carácter arquitectónico. Esta imaxe do Salón Teatro permanecería practicamente inalterada durante máis de corenta anos. Xa nos anos noventa, sufriu un incendio que afectou gravemente o inmoble e acelerou o seu proceso de deterioro. Esta circunstancia precipitou o peche definitivo do cinema.
En 1996, a Xunta de Galicia, consciente do valor histórico e patrimonial do Salón Teatro, adquiriu o edificio co obxectivo de restauralo e devolvelo á súa función orixinal como escenario de creación e exhibición escénica. Entre 1998 e 1999, baixo a dirección do estudio dos arquitectos Baltar, Bartolomé e Almuiña, acometeuse unha profunda rehabilitación que respectou a esencia histórica do edificio, á vez que o dotaba das condicións técnicas e de accesibilidade dun teatro contemporáneo.
O 29 de outubro de 1999, o Salón Teatro reabriu oficialmente as súas portas coa estrea do espectáculo Si o vello Sinbad volvese ás illas..., a cargo do Centro Dramático Galego. Esta función inaugural simbolizou o seu renacemento como espazo de referencia da creación escénica en Galicia, despois de máis de dúas décadas sen actividade teatral. Desde entón, é a sede permanente do Centro Dramático Galego, onde se exhiben as súas producións propias e unha programación aberta a distintas disciplinas escénicas: teatro, danza, música, novo circo e outras actividades culturais.