A Xunta achégalle ao sector das artes escénicas as claves da nova aceleradora cultural dotada con máis de 330.000 € en axudas

Máis de 40 profesionais das artes escénicas galegas conectáronse esta mañá ao webinario organizado pola Xunta para lles achegar as claves da nova liña de subvencións para a aceleración cultural neste ámbito, a través da que se investirán 336.000 euros en proxectos que melloren as súas habilidades emprendedoras e financeiras. O obxectivo é favorecer o crecemento do tecido empresarial e profesional do sector, a súa transformación dixital e a incorporación de novas tecnoloxías, as interconexións entre as industrias culturais e con outros sectores económicos, así como o acceso ao financiamento.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu nesta sesión xunto a parte do seu equipo para afondar nas diferentes accións e investimentos subvencionables a través destas axudas, financiadas cos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. O prazo de solicitude estará aberto ata o vindeiro día 29 de xuño para pemes, microempresas ou persoas traballadoras autónomas que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia nos ámbitos do teatro, danza, novo circo e maxia.