A Xunta achega á Estrada o ‘Ciclo Mestre Mateo Galicia Calidade’ que percorre 26 concellos
A sesión reúne as producións ‘Lucus’, ‘Nuno’, ‘O mesmo’ e ‘O corpo de Cristo’, con entrada libre ata completar a capacidade da salas
A iniciativa, apoiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, amplía os espazos de exhibición das curtas galegas nas catro provincias
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe nos Minicines Central da Estrada na sesión de animación do Ciclo Mestre Mateo Galicia Calidade, en representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que apoia esta iniciativa en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual para amplíar os espazos de exhibición das curtametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo.
Os pases incluíron a proxección de Lucus, Nuno, O mesmo e O corpo de Cristo, creando un circuíto de exhibición que prolonga a difusión das curtametraxes máis alá dos festivais e dos premios. Ao mesmo tempo, facilita o encontro entre cineastas e público e achega a creación audiovisual galega a localidades de toda a Comunidade.
Nesta edición participan 26 concellos das catro provincias. Na Coruña, o programa xa pasou por Arzúa, San Sadurniño, Betanzos e Cedeira, e chegará tamén a Boiro e Zas. Mentres, en Lugo, celebráronse proxeccións na Fonsagrada, Foz, Monterroso, Taboada, A Pobra do Brollón, Meira e Vilalba, ás que se sumará Sarria.
En Ourense, o ciclo xa visitou A Veiga, Celanova, Cartelle, Allariz e O Pereiro de Aguiar, e completará o seu percorrido na Arnoia, Cea e Ribadavia. En Pontevedra, tras pasar por Oia e coa sesión de hoxe na Estrada, a programación continuará en Campo Lameiro e Mondariz.