A Xunta abre unha nova convocatoria de 'Territorio Cultura' dotada con 250.000 euros para desenvolver proxectos no rural
Trátase da cuarta edición desde programa de subvencións, para o que o Goberno galego incrementa este ano un 23% a súa achega respecto aos fondos procedentes do Goberno de España
O obxectivo é continuar coa ampliación, diversificación e descentralización cultural en concellos de ata 30.000 habitantes con densidade máxima de 100 hab/km2
A Xunta abre ata o vindeiro día 10 de agosto o prazo de presentación de proxectos á nova convocatoria do programa Territorio Cultura, segundo as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia para a cuarta edición desta liña de subvencións que destina este ano 250.000 euros a iniciativas que promovan a actividade e o tecido cultural en áreas non urbanas.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, incrementa este ano nun 23% a súa achega económica a esta canle de apoio, cofinanciada tamén con fondos procedentes do Ministerio de Cultura. Así, malia que o Goberno de España diminuíu en 50.000 euros a súa achega ao programa respecto a 2025, a Xunta incrementa o seu investimento en 10.000 para poder acadar a dotación de 250.000 euros.
A prioridade de Territorio Cultura, que se convoca en réxime de concorrencia competitiva, continúa a ser a ampliación da actividade cultural no rural galego, entendida esta como motor de cambio, dinamización e transformación social. Búscase tamén activar procesos culturais que afonden nos vínculos individuais e sociais co territorio, ofrecendo novas oportunidades laborais, estables e de calidade, no eido cultural.
Proxectos conectados coa contorna
Os concellos destinatarios dos proxectos, de menos de 10.000 habitantes ou de ata 30.000 sempre que a densidade de poboación sexa inferior aos 100 hab/km2, poden acoller unha ampla tipoloxía de accións subvencionables. Teñen cabida proxectos que favorezan a experimentación, a investigación e a innovación cultural e posúan unha concreción práctica no territorio: educación, cooperación, patrimonio inmaterial, mediación, uso de novas tecnoloxías, eventos artísticos de calquera disciplina (artes visuais, cine e artes audiovisuais, teatro, danza, circo, música, literatura e palabra, arquitectura, deseño e artesanía), actividades de disciplinas transversais e de relación coa ciencia ou os saberes tradicionais.
Do mesmo xeito que na anterior convocatoria de 2025, as axudas volverán dirixirse a empresas, fundacións e asociacións culturais para levar a cabo proxectos que activen procesos vinculados co territorio e que contribúan á profesionalización do sector en áreas rurais. Tamén busca favorecer novas oportunidades laborais, estables e de calidade, así como fortalecer os vínculos individuais e colectivos co territorio a través da cultura. Preténdense así favorecer a actividade e os proxectos xurdidos da iniciativa privada, tendo en conta a súa maior incidencia para o fomento do emprego.
Continuidade estratéxica
A de 2026 é a cuarta edición desta liña de axudas, pola que se propicia a continuidade estratéxica na política de descentralización cultural, accesibilidade e inclusión. Nas súas anteriores fases, esta medida impulsou nos anos 2022, 2023 e 2025 máis de 40 proxectos arredor de distintas disciplinas artísticas en preto de 90 municipios das catro provincias galegas.
A Xunta convocou por vez primeira as subvencións de Territorio Cultura durante a pospandemia e ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU, de xeito que foi a primeira Administración autonómica en deseñar e facerlle chegar á cidadanía este programa. Despois do éxito acadado nas adxudicacións precedentes, a terceira e cuarta quendas, de 2025 e 2026, respectivamente, fináncianse mediante a distribución de fondos do Estado entre as Comunidades autónomas aprobada na Conferencia Sectorial de Cultura.