A Xunta abre o prazo de adhesión á marca FEST Galicia para o patrocinio de festivais de música
O DOG publicou as bases desta convocatoria, a través da que se distribuirán 220.000 euros entre eventos que se desenvolvan entre o 1 de xullo e o 30 de setembro
Complementa o apoio do Goberno galego á reactivación do sector con iniciativas como a liña anual de subvencións da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ou o programa ConcertosdoXacobeo.gal
As solicitudes poderán formalizarse entre o 4 e o 22 de xullo

A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases para a adhesión de festivais de música á quinta temporada da marca FEST Galicia para a promoción da nosa Comunidade como destino musical. Este programa de apoio conta cunha dotación de 220.000 euros para contratos de patrocinio con empresas promotoras de eventos musicais que se desenvolvan entre o 1 de xullo e o 30 de setembro deste ano.
Con esta convocatoria, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade dálle continuidade a unha iniciativa que naceu co propósito de promover a industria cultural galega, acollendo festivais que funcionan de xeito profesional e se preocupan de lle achegar valores engadidos á experiencia musical. Con esta marca, búscase tamén poñer en valor a capacidade destes encontros para atraer visitantes e avanzar na proxección de Galicia como destino musical de calidade, na vertebración do territorio desde a sustentabilidade social e medioambiental, e na adopción de boas prácticas que sirvan como referencia ao sector.
FEST Galicia súmase este ano a outras iniciativas a través das que a Xunta está a contribuír á reactivación do circuíto galego de festivais de música nos seus formatos habituais, como o programa especial do Xacobeo 21-22 ConcertosdoXacobeo.gal ou a convocatoria anual de subvencións do departamento de Industrias Culturais, que acaba de adxudicar 350.000 euros a 21 citas musicais de toda Galicia.
Eventos consolidados e estratéxicos
Como en convocatorias anteriores, a adhesión a FEST Galicia 2022 materializarase a través da sinatura de contratos de patrocinio para a celebración de festivais consolidados e considerados estratéxicos no seu ámbito. Tense en conta para isto a súa relevancia en canto a público asistente e a súa repercusión nos medios de comunicación, polo que se valora tamén o seu retorno publicitario tanto para a propia marca como para a difusión do Xacobeo 21-22.
Poderán adherirse a esta quinta temporada aqueles festivais que xa formaran parte da marca no ano anterior, que programen un mínimo de cinco artistas por día con presenza de artistas galegos durante cando menos dúas xornadas consecutivas, que o 95% da súa capacidade sexa cuberta por medio de entradas de pago e que dispoñan dun plan de sustentabilidade con accións nos ámbitos social (igualdade, diversidade, inclusión e accesibilidade, promoción da lingua etc.), medioambiental e económico.
Esta iniciativa contou en 2021 cun reforzo económico extraordinario co fin de lles achegar liquidez ás empresas organizadoras fronte aos efectos económicos provocados pola pandemia, de xeito que os patrocinios estendéronse a 14 eventos de toda Galicia: Atlantic Fest en Vilagarcía de Arousa, Caudal Fest en Lugo, Festival de la Luz en Boimorto, Maré Compostela, PortAmérica en Caldas de Reis, Resurrection Fest en Viveiro, Revenidas en Vilagarcía, 17º Ribeira Sacra Festival en Chantada, Monforte de Lemos e Sober, Sinsal Son Estrella Galicia na illa de San Simón (Redondela), SonRías Baixas en Bueu, Underfest en Vigo, Vilablues de Noia, Vive Nigrán e WOS Festival x Son Estrella Galicia en Santiago de Compostela.
As solicitudes de adhesión para a convocatoria de 2022 poderán formalizarse entre o 4 e o 22 de xullo a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, co código de procedemento CT302A.