A Xunta abre a convocatoria de axudas ao funcionamento das salas escénicas privadas cun orzamento de 150.000 euros
A través da medida, consensuada co sector, búscase impulsar o desenvolvemento da programación de carácter profesional e a consolidación destes espazos
As entidades beneficiarias recibirán achegas de ata 60.000 euros

A Xunta abre mañá o prazo para acceder ás axudas ao funcionamento das salas escénicas privadas para 2021, cun orzamento total de 150.000 euros, tal e como recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia. A través desta convocatoria, cuxas bases foron consensuadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) co sector, búscase impulsar o desenvolvemento da programación de carácter profesional destes espazos, ademais de fomentar a súa estabilidade e consolidación como xeradores dunha destacada actividade arredor das artes escénicas.
A medida vai dirixida ás salas de artes escénicas de titularidade privada con capacidade máxima de 150 localidades que presenten un proxecto de programación artística para o ano 2021 e que tiveran realizado un mínimo de 30 representacións durante 2020. Cada unha das beneficiarias poderá recibir ata 60.000 euros, co límite do 75% do orzamento do proxecto presentado.
Segundo se recolle na convocatoria, considéranse gastos subvencionables os que de xeito indubidable estean vinculados á programación (remuneracións por espectáculo, servizos asociados, dereitos de autor, difusión e publicidade), incluíndo os derivados das representacións en liña que se desenvolvan na propia sala. Tamén se contemplan os gastos relativos á contratación de persoal para o proxecto e o 10% dos custos indirectos, como alugueiros, subministracións e gastos correntes, entre outros.
Criterios de avaliación
Unha comisión de avaliación resolverá a concesión atendendo a criterios como a antigüidade da empresa, a capacidade da sala e a pertenza no ano anterior á Rede Galega de Salas, circuíto impulsado pola Xunta para este tipo de espazos. O proxecto de programación será tamén un factor avaliable, con aspectos como o número de funcións ou a programación de compañías galegas, así como o plan de comunicación e xestión de públicos, os recursos humanos implicados, a porcentaxe de axuda solicitada con respecto ao orzamento do proxecto e a viabilidade económica.
As solicitudes deben presentarse a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no prazo dun mes contado desde mañá, xunto coa documentación requirida.
Na convocatoria desta liña correspondente ao ano 2020 resultaron adxudicatarias as salas Ártika e Teatro Ensalle de Vigo, Ingrávida do Porriño e Teatro del Andamio e Gurugú da Coruña.
[Na imaxe, Sala Ártika (Vigo)]
-Bases publicadas no DOG
-Tramitación na sede electrónica da Xunta de Galicia