Share

Vigo acolle a preestrea de ’Rondallas’, a película de Daniel Sánchez Arévalo rodada en Galicia co apoio da Xunta

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompaña o equipo da longametraxe neste pase especial nos Cines Tamberlick, previo á súa chegada ás salas o vindeiro 1 de xaneiro

Para a súa filmación en diferentes localizacións pontevedresas, coa Guarda como epicentro, contou cunha axuda de 300.000 euros a través do fondo para a atracción de rodaxes convocado polo Goberno autonómico

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu esta tarde nos Cines Tamberlick de Vigo á preestrea da nova película do director Daniel Sánchez Arévalo, Rondallas, filmada na provincia de Pontevedra cunha das axudas da Xunta para a atracción de rodaxes a Galicia. O realizador, o produtor Ramón Campos e o reparto reuníronse de novo neste pase especial para o público galego, que estivo precedido pola actuación da rondalla El Gran Sol, creada ex profeso para esta longametraxe con músicos de diferentes agrupacións.

Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o conselleiro felicitou a todo o equipo desta produción de Mister Fields and Friends, Bambú Producciones e Rondallas Movie AIE. Javier Gutiérrez, María Vázquez e Tamar Novas encabezan o reparto 100% galego da que é a sexta película de Sánchez Arévalo, quen asina tamén o guión. Nela traballaron outras coñecidas caras do cine e a televisión, como Carlos Blanco, Xosé A. Touriñan, Marta Larralde, Judith Fernández ou Fer Fraga.

Localizacións galegas

A Guarda foi o epicentro en 2024 da súa filmación, que se estendeu tamén aos concellos de Baiona, Oia, Tui e Vigo. Para levala a cabo, dispuxo dunha subvención de 300.000 euros do fondo posto en marcha pola Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, co fin de atraer rodaxes á nosa Comunidade, tanto de produtoras galegas como do resto de España e Europa.

Rondallas, que foi presentada o pasado mes de setembro no Festival de San Sebastián e terá a súa estrea en cines o vindeiro 1 de xaneiro, supón o regreso ao cinema do realizador e escritor Daniel Sánchez Arévalo tras os éxitos dos seus filmes Azul oscuro casi negro, Primos e Diecisiete, entre outros.

Trátase dunha comedia vitalista para todos os públicos, que conta como un pequeno pobo mariñeiro se une para recuperar a súa rondalla, tras dous anos de loito polo tráxico naufraxio dun dos seus pesqueiros. O obxectivo é competir nun concurso contra outras localidades veciñas, pero sobre todo comezar a mirar de novo cara a  adiante con ilusión.