Share

Vaca Films desenvolve na Coruña a gravación da película ‘Dímelo con besos’ co apoio da Xunta para a atracción de rodaxes

A longametraxe da produtora galega para Prime Video pecha a triloxía audiovisual realizada a partir das novelas de Mercedes Ron, despois de ‘Dímelo bajito’ e ‘Dímelo en secreto’  

É un dos proxectos subvencionados pola Xunta na convocatoria de 2026 dotada con 2.533.000 euros para promover o territorio galego como escenario de filmes e series

O  director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou no CIFP Universidade Laboral de Culleredo o set onde se desenvolve a rodaxe da película Dímelo con besos, produción de Vaca Films para Prime Video, que conta co apoio de 300.000€ por parte da Xunta de Galicia a través da convocatoria de 2026 do fondo para a atracción de rodaxes á nosa Comunidade. Trátase dunha liña de axudas baixo a cal tamén se cofinanciaron Dímelo bajito e Dímelo en secreto, primeira e segunda parte, respectivamente, da triloxía baseada nas novelas homónimas de Mercedes Ron. Dímelo bajito xa está dispoñible en Prime Video e Dímelo en secreto chegará proximamente á devandita plataforma de streaming.

Dímelo con besos, con Denis Rovira na dirección e con Jaime Vaca no guión, está interpretada nos papeis principais por Alicia Falcó (Kami), Fernando Lindez (Thiago) e Diego Vidales (Taylor). Repítese así o trío de amigos protagonista das anteriores entregas para esta adaptación audiovisual da terceira novela da triloxía Dímelo, escrita pola autora arxentina-española Mercedes Ron e convertida nun fenómeno editorial xuvenil en España e Latinoamérica, con máis de dous millóns de libros vendidos e publicados tamén nos Estados Unidos de América, Francia, Alemaña, Italia, Portugal, Polonia, Romanía e Rusia. 

Jacobo Sutil, que compartiu a visita con Borja Pena, produtor executivo de Vaca Films, e con María Contreras, responsable de Películas e Series Españolas de Prime Video & Amazon MGM Studios, puido coñecer de primeira man o avance dos traballos deste novo título, que volve confirmar a capacidade do sector audiovisual galego e dos seus profesionais para participar en proxectos a través de alianzas estratéxicas para chegar a amplas audiencias internacionais. 

A filmación, que arrancou o pasado 29 de xuño, continuará ata mediados de agosto en varias localizacións da cidade da Coruña e doutros concellos da provincia, tales como Pontedeume, Cabanas ou As Pontes de García Rodríguez, ademais de Ourol, en Lugo, e de Xixón, en Asturias.

Incremento ata os 2.533.000 euros na liña de rodaxes

Dímelo con besos  é un dos proxectos subvencionados no marco da convocatoria de 2026 de axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia, que ten como obxectivo  incentivar a filmación na nosa Comunidade de longametraxes e series de ficción tanto por parte de produtoras galegas como do resto de España e Europa. 

Esta liña de apoio, que mantén aberto o prazo de presentación de proxectos ata o vindeiro 1 de outubro, está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. A convocatoria foi publicada cunha dotación inicial de 2.200.000 euros e, precisamente hoxe, o Diario Oficial de Galicia, publica unha modificación das bases que eleva ata os 2.533.000 euros o crédito dispoñible para esta medida.