Share

Unha quincena de espectáculos danlle forma á 11ª edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense

A Xunta de Galicia volve apoiar economicamente o FITO a través da Agadic

O programa inclúe o IV Encontro Mulleres Creando, así como o curso ‘O xogo, motor da creación’, que impartirán os integrantes da compañía arxentina Suttotos

 Unha quincena de espectáculos danlle forma á 11ª edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense

O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) fixo público hoxe o cartel de espectáculos, mesas redondas e actividades formativas da súa undécima edición, que ofrecerá do 4 ao 14 de outubro unha quincena de montaxes de cinco países, así como o IV Encontro Mulleres Creando e o curso O xogo, motor da creación.
Organizado pola compañía Sarabela Teatro, o FITO repite en 2018 como unha das mostras apoiadas este ano pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). En concreto, o encontro ourensán percibe este ano preto de 24.500 euros, tal e como explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, nesta presentación. Xunto con el participaron tamén Belén Iglesias, concelleira de Cultura de Ourense; Sabela Gago, directora do festival, e osrepresentantes doutras das entidades patrocinadoras e colaboraras do evento.
 
Sutil gabou a aposta do FITO, reforzada nesta undécima edición, polos novos creadores e os novos xeitos de facer teatro a través dunha maior interacción co público e da posta en valor de todo tipo de manifestacións escénicas xunto ao teatro textual.
 
Propostas galegas e internacionais
Así mesmo, felicitou á organización por seguir mantendo un forte compromiso co teatro feito en Galicia, coas actuacións da compañía de circo IO, de A Panadaría en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), de Trécola e de Matarile Teatro, que estrea no FITO Os limóns, a neve e todo o demais. As súas propostas comparten carteleira coas de compañías de Portugal (Projecto Ez), Arxentina (Suttotos), Israel (Davai) e Chile (La Mona Ilustre), así como doutras comunidades autónomas: Madrid (Produción Off, Teatro en Vilo e Clara Sanchís), Andalucía (T.A. Plancha) e Cataluña (Moma Teatre).
 
Os integrantes de Suttotos Gadiel Szrtryk e Andrés Camiños serán, ademais, os encargados de impartir o día 7 o curso O xogo, motor da creación, deseñado para que calquera persoa interesada no teatro poida descubrir dun xeito lúdico a súa propia poética e as súas capacidades creativas.
 
O programa desta undécima edición complétase coas actividades do IV Encontro Mulleres Creando, dedicado a analizar o papel feminino no teatro, a cultura e a sociedade. No marco desta iniciativa, que se desenvolverá do 12 ao 14 de outubro, achegaráselle ao público unha reflexión sobre xénero e cultura en diferentes ámbitos a través da ollada dunha trintena de mulleres que participarán na súas seis mesas redondas. O colectivo A Caixa de Pandora e a artista galega Ana de Matos ofrecerán, ademais, cadansúa performance, mentres Dúas Gamberras e un Micro porán en escena o espectáculo A revolución das mulleres floreiro.
 
-Web do FITO