Share

Unha escolma de curtas galegas sobre mulleres abre mañá a nova carteleira do CGAI no Cineclube Lumière en Vigo

O director da Agadic e o presidente do cineclube asinaron o convenio polo que Vigo é, por terceiro ano consecutivo, unha das sedes da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe

A premiada ‘Matria’, de Álvaro Gago, e os últimos traballos de Beatriz del Monte, Iria Silvosa e Diana Gonçalves conforman a primeira das catro citas programadas ata finais de abril no Auditorio Municipal baixo o epígrafe ‘Sesións de Filmoteca’

Unha escolma de curtas galegas sobre mulleres abre mañá a nova carteleira do CGAI no Cineclube Lumière en Vigo
Vigo é, por terceiro ano consecutivo, sede da programación do CGAI-Filmoteca de Galicia grazas á colaboración entre a Agadic e o Cineclube Lumière. Una escolma de curtas galegas, seleccionadas con motivo do Día da Muller, centrará mañá a primeira das catro Sesións de Filmoteca que terán lugar ata finais de abril no Auditorio Municipal.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidenta do Cineclube Lumière, Xoán Manuel Novegil, asinaron na Delegación Territorial da Xunta en Vigo un novo convenio de colaboración, mediante o que a asociación repite en 2018 como sede da carteleira do CGAI, xunto coa propia sala da filmoteca na Coruña e os cineclubs Padre Feijoo de Ourense e Valle-Inclán de Lugo.

Como parte deste acordo, mañá poderán verse no Auditorio vigués as curtametraxes Pois iso, que te quero, de Beatriz Belmonte; Atisbos, de Iria Silvosa; Palmira, de Diana Gonçalves; e a galardoada Matria, de Álvaro Gago, con premios no festival estadounidense de Sundance e na Seminci de Valladolid, entre outros. A entrada é libre ata completar a capacidade.

Xa en abril, chegarán a Vigo dúas destacadas producións españolas dentro do que foi o panorama cinematográfico independente en 2017, avaladas pola crítica e por premios en diferentes festivais: Los objetos amorosos (día 12), de Adrián Silvestre, e Ternura y la tercera persona, de Pablo Llorca (día 19).

Esta primeira quenda de proxeccións de 2018 concluirá o 26 abril cunha sesión dedicada aos últimos traballos do galego Alberto Lobelle, na que se inclúen Den Pobedy, sobre a celebración nas ex repúblicas soviéticas do Día da Vitoria contra Alemaña na Segunda Guerra Mundial, e o filme paisaxístico Serra da Capelada.

-Cineclube Lumière