Titiriberia celebra 10 anos de monicreques en Rianxo
Os títeres tradicionais volven ser protagonistas do evento, que este ano programa 12 compañías galegas xunto con outras procedentes de Aragón, Navarra, País Vasco, Valencia e Portugal
A cita organizada pola asociación Morreu o Demo é unha das 13 entre as que se distribúen os 280.000 euros da convocatoria anual de subvencións para consolidar o circuíto galego de mostras consideradas estratéxicas para o sector escénico

Titiriberia, o festival de monicreques tradicionais que se celebra cada verán en Rianxo, chega este ano á súa 10ª edición cun programa que do 12 ao 17 de agosto ofrecerá unha trintena de actuacións a cargo de 19 compañías procedentes de diferentes puntos de Galicia, así como de Aragón, Navarra, País Vasco, Valencia e Portugal. A mostra volve atoparse entre as citas subvencionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no marco da liña anual de subvencións a festivais de artes escénicas, que en 2025 distribúe os 280.000 euros convocados entre 13 citas consideradas estratéxicas para o sector.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, detallou neste sentido que o festival rianxeiro conta cunha axuda por parte da Xunta de Galicia de máis de 20.500 euros para a celebración deste 10º aniversario. Durante a súa intervención na presentación da nova edición do festival, na que tamén participaron representantes asociación Morreu o Demo, do Concello de Rianxo e doutras entidades colaboradoras, felicitou a todo o equipo organizativo pola programación deste ano que, nas súas palabras, “consolida unha traxectoria enraizada na gran tradición galega dos monicreques, coa figura de Barriga Verde como referente”.
O responsable de Industrias Culturais puxo o foco, así mesmo, no actual dinamismo deste ámbito escénico en Galicia, tanto no que se refire á calidade e cantidade de compañías como das mostras que se dedican en exclusiva a abordar este formato.
Escolma da produción peninsular
No caso do festival de monicreques tradicionais de Rianxo, o seu obxectivo é ofrecerlle ao público unha completa escolma dos espectáculos que, dentro deste xénero, se están a realizar na península. Nesta carteleira, destaca a estrea de seis espectáculos galegos: Teatro de mochila e Cantar do ano, da compañía Seisdedos; Pituquito Literal, de Trécola, e Costureiriña bonita, de A Cova das Letras, ademais de dúas producións do propio festival. Trátase de A festa dos títeres, montaxe inaugural da mostra coa participación das formacións Vai de Roda, Viravolta e Títeres Alakrán, e As varietés de Barriga Verde, proposta para todos os públicos conducida Raquel López Cendán e durante a que actuarán a compañía lusa Red Cloud Marionetas, o actor e titiriteiro Santi Prego, Trécola Producións ou o cuarteto da Escola de Música de Rianxo.
Diáspora, Tanxarina, Larraitz Producións Artísticas, Laboratorio Fantoche, Babaluva, Nao Caracola e Os Monicreques de Kukas completan a representación galega nesta décima edición, na que participan tamén compañías de Portugal (a devandita Red Cloud), Aragón (Teatro Arbolé), País Vasco (Tenderete e Toti Martínez de Lecea, Gorka Hermosa e Edurne Zabalo), Navarra (Firulete) e Valencia (El Ball de Sant VIto).
Como en anos anteriores, a organización aposta pola descentralización do seu programa, que ten os seus epicentros no Auditorio Municipal e no Campo de Arriba, pero que leva tamén os monicreques a parroquias como Leiro, Asados, Taragoña, Isorna ou Araño, ademais de a outros lugares emblemáticos do concello como a praia de Tanxil.