Share

As subvencións da Xunta ás industrias culturais inxectan 5,78 millóns de euros no sector a través de 330 empresas e entidades

Publicouse no DOG o conxunto das adxudicacións de 15 das convocatorias de 2020 que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade xestiona mediante a Agadic

Este programa anual de axudas reverteu en 449 propostas culturais en ámbitos como a produción de filmes, a creación escénica, o fomento do talento musical ou a distribución de espectáculos

As subvencións da Xunta ás industrias culturais inxectan 5,78 millóns de euros no sector a través de 330 empresas e entidades

Diario Oficial de Galicia (DOG) fixo pública a relación das subvencións adxudicadas ao sector cultural galego mediante as 15 liñas de axudas que convocou en 2020 o departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Este programa anual de apoio supón unha inxección directa de máis de 5,78 millóns de euros nos ámbitos audiovisual, escénico e musical de Galicia, dándolles resposta a 449 proxectos presentados por 330 empresas, entidades locais, asociacións e creadores individuais para a produción de filmes, a organización de festivais, a posta en marcha de novos espectáculos de teatro e danza, o fomento do talento musical ou as xiras de compañías escénicas e de grupos musicais, entre outras propostas.
Trátase, así mesmo, dunha das principais vías de investimento que a Xunta canalizou en 2020 a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), xunto con circuítos, ciclos e iniciativas como a Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Música ao Vivo, Directos Xacobeo en Salas, Galicia Emerxe, FEST Galicia ou Danza 3. Na meirande parte dos casos, a pandemia motivou a súa reformulación e reforzo no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte á covid-19.
 
Audiovisual
Por ámbitos culturais, o audiovisual galego sumou máis de 3,15 millóns de euros en axudas a 93 proxectos adxudicatarios en seis convocatorias: produción e coprodución audiovisual de contido cultural galego, festivais, promoción do talento galego a través da escrita de guións e realización de curtas e longametraxes, desenvolvemento de proxectos, asistencia a mercados profesionais e difusión en destacadas citas do circuíto internacional de festivais. As beneficiarias foron 67 empresas, asociacións e cineastas.
 
No terreo da escena, distribuíronse máis de 2,16 millóns de euros entre oito liñas para teatro, danza, maxia e novo circo: creación escénica, impulso ao sector, organización de festivais, actividade dos locais privados para a programación da Rede Galega de Salas, organización de festivais e a convocatoria dos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde, así como as actuacións escénicas ao abeiro das convocatorias de distribución, realización de funcións e desenvolvemento da programación de Cultura no Camiño. Recibiron apoio 170 solicitudes presentadas por 82 empresas, asociacións e profesionais, ás que hai que sumar as subvencións aos 133 concellos que percorreu Cultura no Camiño.
 
Industria musical
Pola súa banda, os concertos que tamén acolleu o devandito circuíto inclúense no investimento realizado na industria musical galega a través do programa de subvencións da Agadic. Xunto coas liñas de distribución, de realización de funcións e de fomento e promoción do talento musical, suman máis de 450.000 euros en axudas, tendo en conta que o maior esforzo orzamentario neste sector concéntrase noutros programas específicos.
 
É o caso da Rede Galega de Música ao Vivo, Directos Xacobeo en Salas, Galicia Emerxe e o apoio aos festivais a través da marca FEST Galicia, así como da actividade musical no seo da Rede Galega de Teatros e Auditorios, a través dos que o ano pasado se achegaron máis de 1,1 millóns de euros a este ámbito cultural.