A sede do CDG recibe a compañía Os Náufragos Teatro cun espectáculo sobre a educación na contorna familiar
Karelu pode verse do venres 27 ao domingo 29 no Salón Teatro de Santiago, onde o equipo manterá un encontro co público ao remate da primeira función
A montaxe, interpretada por Denis Gómez e Santi Cuquejo, aborda as marcas que a violencia e a rixidez nas relacións paterno-filiais deixan na vida adulta
O Salón Teatro de Santiago de Compostela recibe esta fin de semana a compañía galega Os Náufragos Teatro co seu último espectáculo, Karelu, no que aborda os efectos dunha educación estrita e violenta na contorna familiar, así como a perda de valores na sociedade actual. A montaxe poderá verse na sede do Centro Dramático Galego (CDG) o venres 27 e o sábado 28, ás 20,30 h., e o domingo 29, ás 18,00 h.
Gustavo del Río é o director desta montaxe, que escribiu xunto a Ismael G. Candal e que interpretan Denis Gómez e Santi Cuquejo. Na súa presentación en Santiago, os espectadores terán a oportunidade de compartir con eles as súas impresións sobre esta propostas e o seu proceso creativo no Encontro co público que terá lugar ao remate da función do venres.
Karelutoma o seu nome da palabra india que define as marcas que deixa a roupa na pel, como metáfora das cicatrices que a violencia e a rixidez nas relacións paterno-filiais deixan na vida adulta. A historia comeza cando o fillo de Martín recibe a visita do seu irmán e intenta aclarar con el que significa a marca que ten no seu brazo dereito. A partir de aí comeza unha viaxe ao pasado, durante a que abordan diferentes aspectos da súa infancia e da educación recibida dos seus pais.
Os Náufragos Teatro, que debutou en 2017 con Castrapo, é unha compañía integrada por profesionais galegos das artes escénicas que, logo de moitos anos desenvolvendo a súa traxectoria fóra de Galicia, deciden regresar á súa terra cun proxecto centrado prioritariamente no teatro social. O seu obxectivo é achegarse a un amplo espectro de público con pezas que procuran novas linguaxes, pero sempre próximas ao espectador e á actualidade.
Esta será a primeira vez que se presenten no Salón Teatro de Santiago, onde as entradas para Karelu poderán mercarse no despacho de billetes os días de función, desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.