Share
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación da nova produción da compañía ourensá

Sarabela Teatro estrea ‘A cincenta que non quería comer perdices’ co apoio da Xunta á creación escénica

O espectáculo estréase o 19 de setembro no Teatro Principal de Ourense no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, cun pase para escolares o día anterior

A obra busca desmontar os falsos mitos do amor romántico a partir da historia escrita por Nunila López Salamero con dramaturxia e dirección de Fina Calleja

Sarabela Teatro estrea co apoio da Xunta o próximo 19 de setembro no Teatro Principal de Ourense o seu novo espectáculo, A cincenta que non quería comer perdices, co que a compañía adapta o texto publicado pola narradora Nunila López Salamero xunto á artista plástica Myriam Cameros Sierra. O Goberno galego contribuíu á súa produción a través da convocatoria anual de subvencións para creación escénica de 2024 e cofinancia adicionalmente a función inaugural no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, cun pase previo para escolares o mércores 18 de setembro.

Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen  acompañou o equipo artístico na presentación aos medios deste novo proxecto no escenario ourensán. Sutil lembrou que a nova montaxe de Sarabela é, ademais, unha das nove estreas teatrais subvencionadas pola Xunta de Galicia no inicio da nova temporada nos escenarios galegos ao abeiro da liña de axudas á produción de espectáculos, coa que o Goberno galego distribúe preto de 800.000 euros entre 27 compañías. 

A cita enmárcase no circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e 42 entidades locais asociadas, que achegará un total de 552 actuacións a 42 concellos galegos nestes últimos meses do ano, cifras que, segundo o responsable de Industrias Culturais, sitúan esta carteleira “como referente na programación cultural en Galicia”.

Desmontando o mito do amor romántico 

Na súa intervención, tamén se referiu a Sarabela como unha das máis destacadas compañías do panorama teatral galego “pola calidade dos seus proxectos, pero tamén pola variedade de formatos e rexistros que asume nun repertorio que non fai máis que medrar e chegar a máis xente”.

Sutil cualificou A cincenta que non quería comer perdices como unha das citas importantes da nova temporada teatral, “por abordar temas sociais que nos interpelan como sociedade desde o humor e cunha montaxe elaborada e estimulante”. Celebrou a escolla desta historia na que se cuestionan os contos tradicionais, a visión idealizada do amor romántico e a división de roles por sexo, e felicitou a Sarabela porque un dos seus obxectivos sexa “achegar esta proposta aos centros de ensino, para promover a igualdade de xénero entre a mocidade e previr condutas de violencia machista, fomentando as relacións afectivas sas e responsables”. Neste sentido, valorou de xeito positivo a contribución da peza á creación de novos públicos a través dunha linguaxe fresca e satírica que pretende enganchar co público adolescente.

En escena unha versión moderna dun conto clásico

O espectáculo pon en escena o conto escrito por Nunila López Salamero xunto coa artista plástica Myriam Cameros Sierra a petición dun grupo de mulleres vítimas de malos tratos. Publicado pola editorial Planeta en 2009 con prólogo de Maruja Torres, recibiu o Premio Racimo ese mesmo ano.

A cincenta que non quería comer perdices é un conto moderno que revisa con humor o papel que xogaron na historia os relatos de fadas nos que se acaba por promover o rol das nenas como entes pasivos que se limitan a agardar a que lles pidan a man. Así, o texto presenta unha moza perdida que pouco a pouco irá desmontando as historias de princesas liberadas por príncipes azuis que, en moitos casos, saen ras.

Nesta peza, Fernando Dacosta, Sabela Gago e Elena Seijo actúan sobre as táboas baixo a dirección de Fina Calleja, responsable da dramaturxia xunto a Nate Borrajo. Sarabela asina como colectivo o deseño de vestiario e para o da escenografía conta co equipo de Amenosde7metros e as imaxes e soportes audiovisuais creados por Iris Blanco. Complétase con Renata Codda Fons na creación do espazo sonoro, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, e Rut Balbís na coreografía.