O Sacra Festival celebra unha nova edición multidisciplinar arredor da cultura, a natureza e a comunidade
Desenvólvese o 15 e 16 de agosto á beira do río Miño con artistas como Niño de Elche, Dulzaro, Beauty Venera, La Última Frontera, Alma García ou Janet Novas
Conta cunha das subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a festivais de artes escénicas, que este ano distribúe 280.000 € entre 13 encontros

O corazón da Ribeira Sacra chantadina acolle o 15 e 16 de agosto unha nova edición do Sacra Festival, encontro multidisciplinar apoiado pola Xunta de Galicia cunha das súas axudas a festivais de artes escénicas de 2025. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse coa coreógrafa e bailarina Carlota Pérez, directora de Experimenta Danza e impulsora deste evento, para coñecer os detalles da programación de 2025 e a súa aposta por conxugar nela cultura, natureza e comunidade.
En concreto, o Sacra Festival recibe 13.200 euros a través da devandita convocatoria de subvencións da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, que este ano distribúe 280.000 euros entre 13 mostras das catro provincias.
O encontro chantadino insírese, así mesmo, no proxecto Sacra Experience de dinamización da vida cultural do rural, que se desenvolve na pequena aldea do Pincelo. Esta iniciativa conta tamén coa apoio da Xunta de Galicia para levar a cabo durante todo o ano a súa ampla proposta de actividades formativas e de residencias artísticas.
No marco do Sacra Festival amosarase o resultado de varias destas accións coas mostras do obradoiro teatral de Alma García Volver a ser nenos, do impartido por Janet Novas baixo o título Danza que atravesa corpo e paisaxe, da residencia artística de Pamen Pereira e Che Marchesi ou do taller inclusivo de danza e teatro a cargo de Experimenta Danza.
O cartel tamén inclúe os concertos de Niño de Elche e Dulzaro, dous artistas da primeira liña estatal que impulsan as súas carreiras co foco posto na innovación a partir da música de raíz, así como do trío Beauty Venera e da banda de rock compostelá La Última Frontera, integrada por músicos adolescentes. Os DJ Steven García e Pascal Kleiman porán o peche ás xornadas do venres e do sábado, respectivamente, con cadansúa sesión de Rural Chill Out.
A programación, que conta asemade co apoio do Concello de Chantada, Deputación Provincial de Lugo, Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e Estrella Galicia, desenvolverase á beira do río Miño, tanto no Pincelo como no parque temático Carballolandia, e as entradas poden adquirise en liña a través da web do festival.