Renovación do convenio polo que se destinan 60.000 euros á organización do 31º Festival Internacional de Cine de Ourense
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude volve achegarlle 60.000 euros á vindeira edición do certame, que terá lugar do 25 de setembro ao 4 de outubro como a gran cita audiovisual galega de carácter competitivo
O Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio de colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa Asociación Cultural Luarada, a través do cal mantén a súa achega anual de 60.000 euros para a organización do vindeiro Festival Internacional de Cine de Ourense – OUFF como a gran cita do audiovisual galego de carácter competitivo. O certame celebrará a súa 31a edición do 25 de setembro ao 4 de outubro cunha ampla programación que combina proxeccións desde distintas pantallas da cidade con actividades paralelas destinadas a profesionais, público xeral e escolares.
O OUFF é a cita das súas características máis lonxeva de cantas teñen lugar na nosa Comunidade e sitúase, despois de ter superado tres décadas, como festival de referencia na promoción do cine galego e español, ademais de abrir unha fiestra á mellor e máis recente produción internacional.
O encontro, que é froito da colaboración público-privada desde os seus inicios e que tamén conta co financiamento da Deputación Provincial de Ourense, desenvolverá na súa 31a edición un intenso programa conformado polas seccións oficiais competitivas para longametraxes e curtas que concorren aos diferentes premios, un deles dedicado especificamente aos filmes galegos participantes. Tamén outorga galardóns de carácter honorífico (Calpurnia de Honra, Premio Especial OUFF, Premio AISGE), así como un recoñecemento á mellor ópera prima española.
Completan as actividades estreas de películas e ciclos especiais, encontros profesionais, o apartado OUFF Escola, exposicións, a residencia audiovisual Faíscas, as seccións Xanela para proxectos en construción, Colleita para filmes vencellados ao festival e Agarimo para homenaxear unha figura destacada do cinema.
A contribución da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao desenvolvemento do OUFF insírese na súa planificación de apoio a festivais estratéxicos do sector audiovisual, do cal tamén forma parte a convocatoria anual de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, pola que en 2026 se lles adxudicaron 310.000 euros a 11 eventos do sector. Esta medida forma parte da política integral de apoio ao sector, pola que este ano a Xunta investirá uns 8 M€ nas distintas fases do proceso audiovisual, desde a xénese creativa ata a chegada dos filmes ás pantallas, pasando pola rodaxe, difusión e comercialización.