Share

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrécelle ao público de 39 concellos 601 propostas culturais durante 2018

A actuación de Susana Seivane o sábado en Gondomar será a primeira das 255 citas do segundo período de programación anual da RGTA, que se desenvolverá entre os meses de agosto e decembro en 44 escenarios

A Xunta xestiona este circuíto profesional de exhibición de espectáculos, que conta cun orzamento anual de 1,63 millóns de euros cofinanciado entre a Agadic e as entidades locais con espazos asociados

Xunto coa Rede Galega de Música ao Vivo, Rede Galega de Salas e Cultura no Camiño, suma 1.447 funcións en toda Galicia durante 2018

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrécelle ao público de 39 concellos 601 propostas culturais durante 2018

A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) inicia o segundo período da súa programación anual de espectáculos coa actuación queSusana Seivane ofrecerá o sábado en Gondomar. Esta será a primeira das 255 citas culturais que terán lugar entre agosto e decembro no marco deste circuíto da Xunta, que en 2018 promove 601 funcións en 39 concellos.
Para desenvolver esta intensa programación, a rede conta este ano cun orzamento de 1,63 millóns de euros, que achegan a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e as entidades locais xestoras dos escenarios asociados.
 
Este investimento vén rexistrando un continuo incremento nos últimos anos (dun 6,5% respecto a 2017 e dun 8,2% respecto a 2016) co obxectivo de reforzar o papel deste circuíto, con máis de 20 anos de traxectoria, como canle estable para o encontro entre o público e a nova produción escénica e musical galega. De feito, en 2018 esta contía destínase integramente á contratación de 156 compañías profesionais de teatro, música, danza, novo circo e maxia, a meirande parte delas galegas.
 
Carteleira de agosto
Ademais do concerto da gaiteira Susana Seivane na praza de San Bieito de Gondomar (sábado 4, ás 22,00 h.), a carteleira da RGTA ten previstas outras oito citas para este mes. Catro delas terán lugar no patio do Colexio nº 1 de Foz cos espectáculos Ducan de palleiro de Lila Teatro (día 7), Animais de compañía de Teatro do Noroteste (día 8), Puño Puñete de Baobab Teatro (día 13) e A galiña azul de Tanxarina (día 14). Pensadas especialmente para o público familiar, estas funcións dará comezo ás 21,00 h.
 
Tamén en agosto, a Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá o día 9 os espectáculos musicais 24 Instrumentos populares galegos no Centro Cultural e Xuvenil de Muros (21,00 h.) e Keltia, o musical na praza Maior do Carballiño (23,00 h). Ademais, Talía Teatro representará Ubú Rei o día 23 na Casa da Cultura de Cee e Galemúsica, Alma, corazón y vida o día 25 na Alameda de Ortigueira.
 
Preto de 100 compañías no segundo semestre
A programación intensificarase a partir de setembro, xa que a Rede Galega de Teatros e Auditorios contratou para este segundo semestre do ano 97 compañías e grupos profesionais, dos que 87 teñen a súa sede en Galicia.
 
Tanto a programación desta rede como a do resto dos circuítos de espectáculos xestionados pola Agadic (Rede Galega de Música ao Vivo, Rede Galega de Salas e Cultura no Camiño) pode consultarse nas seccións de axenda dos webs de Cultura da Xunta e da Agadic. Estas catro carteleiras suman 1.447 citas culturais en toda Galicia durante 2018, contía que supón un incremento do 15,7% sobre o total programado o ano anterior.