Share

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece ata decembro 203 novas funcións e concertos en 36 concellos

Este circuíto de exhibición de espectáculos, financiado xunto aos municipios adheridos, amosa as últimas propostas de entidades como Sarabela, Amorodio, Teatro de Ningures, Redrum, Elefante Elegante ou Nova Galega de Danza

Durante o vindeiro trimestre 71 compañías escénicas ofrecen 192 representacións de 87 espectáculos, en tanto que 9 formacións musicais levarán a cabo 11 actuacións

A programación global para todo 2024 conta cun orzamento de preto de 2M€ ofrecendo un total de 555 funcións ao remate do ano

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos xestionado pola Xunta e as administracións locais adheridas, ofrece ata decembro 203 funcións en 36 concellos. Esta carteleira, de ámbito profesional e maioritariamente de produción galega, está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con preto de 2M€ para todo o ano 2024, no que en total se levarán a cabo 555 actuacións de teatro, danza, maxia, circo e música en máis de 40 localidades. Este investimento destínase integramente á contratación das 172 formacións artísticas participantes na programación.

O novo período de actividade trimestral está conformado por 192 representacións escénicas de 87 espectáculos (deles, 58 están dirixidos a público familiar, haberá 10 funcións de danza, sete de circo e seis de maxia) a cargo de 71 compañías e 11 concertos de 9 formacións musicais.

Novidades escénicas

A Rede Galega de Teatros e Auditorios está a ofrecer as novas propostas escénicas de diferentes compañías. Así, Sarabela Teatro presentou a súa nova produción, A cincenta que non quería comer perdices, inspirada no conto de Nunila López Salamero sobre os roles de xénero e como rachar con eles; en tanto que Amorodio Teatro levará ao Auditorio Municipal de Vigo o 12 de outubro Cortello de amor, unha comedia física e de enredo, con banda sonora orixinal de Grande Amore.

Outra das novidades será As gardiás, a cargo de Teatro de Ningures e sobre a loita das traballadoras da industria téxtil, que chegará a Cangas o 9 de novembro; mentres, As Pontes de García Rodríguez recibirá o 16 de novembro a última produción de Nova Galega de Danza, Dique, coa que a compañía recupera a historia esquecida das máis de 200 mulleres que traballaron na construción do Dique da Campá de Ferrol entre 1874 e 1879, a través dun diálogo entre danza a contemporánea e a tradicional que coproduce a Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego.

Dentro dos espectáculos para público familiar, Redrum Teatro, levará a súa nova montaxe, Os contos de Lobicán, o 20 de outubro a Vigo e o 24 de novembro a Pontevedra cunha proposta que parte do texto co que Eva Mejuto obtivo en 2022 o premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, na modalidade de público infantil, convocado pola Xunta. Enfocada tamén a un público máis amplo, Elefante Elegante presenta a peza de teatro xestual Kyoki. Será unha das compañías con maior presenza na Rede ao contar con nove funcións deste espectáculo, aínda que é Sarabela a que lidera o número de representacións de outono con 12 funcións de tres montaxes diferentes: O dragón de ouro, Made in Galicia e a mencionada A Cincenta que non quería comer perdices.

Variedade de propostas

As compañías Talía Teatro e ButacaZero tamén disporán de nove funcións en distintos escenarios. ButacaZero realizará sete da súa última montaxe O único que verdadeiramente quixen toda a vida ser delgada e dúas de Iribarne; mentres que Talía Teatro representará cinco de Desexo e catro de Unha inimiga do pobo.

Pola súa banda, Contraproducións ten programados oito pases repartidos entre os espectáculos O mundo está roto pero pódese camiñar, Apaga o candil e Entrega en man; e a compañía Os Náufragos xirará con Hugo, Noso e Bulebule a un total de sete espazos.

Entre as propostas que veñen de fóra de Galicia, Entrecajas, a montaxe de Teatro Paraíso premiada este ano como mellor espectáculo de clown na Fetén, a Feira Internacional de Artes Escénicas para Nenos, Nenas e Familias de Xixón, ten programadas cinco funcións da Rede ata final de ano.

No apartado de música, os concertos de Budiño o 19 de outubro en Arteixo, de Caamaño&Ameixeiras o 7 de decembro en Cee ou de De vacas o 9 de novembro en Narón son algunhas das vindeiras citas que tamén chegarán ao público nos próximos meses a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.