A Rede Galega de Teatros e Auditorios leva a Vilagarcía a Excéntricas, Eme2, Señora Supina, Redrum e Malasombra
O Auditorio Municipal ofrecerá A cabeza do dragón o 29 de setembro, A leituga o 13 de outubro, Cinco mulleres que comen tortilla o 20 de outubro, Invisibles o 24 de novembro e Os fabulosos Cleaners o 15 de decembro
O director da Agadic participou hoxe na presentación destas funcións na capital arousá, que forma parte deste circuíto escénico impulsado pola Xunta de Galicia
As compañías galegas Producións Teatráis Excéntricas, Eme2 emoción&arte, Señora Supina, Redrum e Malasombra levarán os seus últimos espectáculos nos vindeiros meses ao Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios que impulsa a Xunta de Galicia.
A Consellería de Cultura e Educación, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), xestiona e cofinancia este circuíto xunto aos seus 39concellos asociados para lles ofrecer aos espectadores galegos 601 citas escénicas neste 2018.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, presentaron hoxe esta carteleira acompañados por algúns dos seus protagonistas: Josito Porto e Víctor L. Mosqueira (actores de Excéntricas) e a xornalista Montse Fajardo, autora do libro no que se inspira a peza Invisibles.
A programación comezará o 29 de setembro coa peza de Valle-Inclán A cabeza do dragón a cargo de Excéntricas e baixo a dirección de Quico Cadaval. Eme2 estará o 13 de outubro coa súa visión da dificultade das relacións familiares que presenta A leituga, o colectivo de recente formación Señora Supina, froito do alumnado da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia porá en escena Cinco mulleres que comen tortilla o 20 de outubro, e Redrum Producións representará Invisibles, título que aborda a lacra da violencia de xénero en clave feminina o 24 de novembro. Pola súa banda, o 15 de decembro visitará Vilagarcía a proposta de teatro familiar Os fabulosos Cleaners, da man de Malasombra Producións.
Na súa intervención, o director da Agadic lembrou que o Auditorio Municipal de Vilagarcía é un activo e continuado membro dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios. “Ata finais de ano, pisarán este escenario cinco compañías do país con cadanseu espectáculo, compoñendo unha carteleira moi equilibrada en canto a xéneros e estilos, así como de elevado nivel artístico. Isto significa, ademais, que o público arousán terá acceso, de xeito próximo ao seu domicilio e coas mellores condicións de exhibición técnica, a unha selección das mellores producións escénicas que hoxe en día se están a facer en Galicia”, dixo.
A Rede Galega de Teatros e Auditorios é o principal circuíto de distribución profesional de espectáculos galegos. Iniciou xa no mes de agosto o seu segundo período de programación anual, para o que están previstas 255 citas culturais a cargo de 97 formacións artísticas (87 delas, galegas) en máis de 40 recintos escénicos de 39 concellos. Deste xeito, a Rede terá promovido no noso territorio un total de 601 funcións (de teatro, danza, novo circo, maxia ou narración oral) cun orzamento global de 1,63 millóns de euros achegados entre a Agadic e as entidades locais xestoras dos escenarios asociados.
[Na imaxe, 'A cabeza do dragón', de Producións Teatráis Excéntricas]