A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribúe con 15 espectáculos á oferta cultural do semestre nos concellos da ría de Arousa
Brais das Hortas actúa mañá en Boiro, que acolle sete representacións artísticas ata fin de ano como parte deste circuíto autonómico cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto ás 40 entidades locais adheridas
Vilagarcía de Arousa iniciará o segundo período de programación anual en setembro con catro funcións e Cambados ofrecerá outras catro entre outubro e novembro
A programación reforzouse este verán con 34 citas do ciclo ‘Cultura no Camiño’ en 10 concellos da contorna

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de espectáculos cofinanciado pola Xunta de Galicia e 40 entidades locais adheridas, contríbúe á axenda cultural deste semestre nos concellos da ría de Arousa con 15 funcións escénicas e musicais en Boiro, Vilagarcía de Arousa e Cambados.
Ademais, este verán a oferta intensificouse coas 34 citas do ciclo Cultura no Camiño nos 10 municipios a ambas as beiras da ría arousá, todas elas no marco da axenda de 2.500 actividades que está a impulsar a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades baixo o lema A Cultura de Galicia é un CulturON.
Música para toda a familia en Boiro
En canto á Rede Galega de Teatros e Auditorios, Boiro é o concello que concentra maior número de propostas, cunha carteleira de sete citas que deron comezo xa o mes pasado. Así, tras as actuacións de Sempre Arriba e de María da Pontragha, a programación retómase mañá mesmo co Consertasso na horta de Brais das Hortas, espectáculo musical para público familiar que poderá verse ás 12,00 h. no parque da Cachada.
Xa en outubro, o día 20 será a quenda de Píscore e a peza Molto Barroco na Casa da Cultura Ramón Martínez López . O 3 de novembro a Compañía Humana representará nese mesmo escenario Iphixenia na porta do súper, mentres que para decembro están programadas as montaxes Soños de Artefeito o día 1 e Crisálida de Caramuxo o día 8.
Vilagarcía e Cambados
Caramuxo será precisamente a encargada de abrir en setembro a carteleira organizada polo Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa baixo o paraugas da Rede Galega de Teatro e Auditorios. Será o día 23 con A nena que vivía nunha caixa de mistos, mentres que o día 30 subirá a escena Amorodio Teatro coa obra A nai.
Producións Teatrais Excéntricas representará en Vilagarcía O porco de pé o 11 de outubro, mentres que Diego Anido estará no Auditorio o 25 de novembro con O deus do pop.
Pola súa banda, o Auditorio da Xuventude de Cambados concentra a oferta dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios nos últimos meses do ano. A primeira cita chegará o 12 de novembro co concerto de Tomás Porteiro Trío e continuará unha semana despois, o domingo 19, coa compañía Elefante Elegante e a súa produción Alma de tigre. O 26 dese mes reservarase á danza con Sofá, de Marta Alonso Tejada. O 3 de decembro, Contraproducións pechará esta axenda en Cambados con Entrega en man.
As devanditas 15 actuacións intégranse na carteleira global da Rede Galega de Teatros e Auditorios para o segundo semestre deste 2023, que inclúe 176 actuacións artísticas en 36 dos concellos adheridos. Ata final de ano, actuarán 76 compañías escénicas para ofrecer 160 representacións de 93 espectáculos e 14 formacións musicais para levar a cabo 16 concertos.
Polo que respecta á programación ao abeiro do ciclo estival da Xunta Cultura no Camiño, Vilanova de Arousa e O Grove acollerán as dúas últimas funcións das 34 programadas este ano nas localidades da ría de Arousa. Terán lugar o 27 de agosto no Xardín Umbrío de Vilanova co espectáculo musical Cortando fíos, de Tanto nos Ten, e o 29 deste mesmo mes na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey co Mago Pedro Bugarín.