Share

A Rede Galega de Salas da Agadic achega 61 novas citas escénicas e musicais aos seus cinco espazos asociados

Teatro del Andamio e Sala Gurugú da Coruña mais Sala Ingrávida do Porriño acollen esta fin de semana o arranque do segundo período de actividade anual deste circuíto, do que tamén forman parte Fundación SGAE de Santiago e Teatro Ensalle de Vigo

A Xunta de Galicia financia integramente esta programación co obxectivo de contribuír á estabilidade deste tipo de locais

A Rede Galega de Salas da Agadic achega 61 novas citas escénicas e musicais aos seus cinco espazos asociados

A Agadic ofrece desde mañá e ata finais de ano 61 actuacións nos cinco espazos escénicos que integran a súa Rede Galega de Salas: Teatro del Andamio e Sala Gurugú da Coruña, Sala Ingrávida do Porriño, Fundación SGAE de Santiago e Teatro Ensalle de Vigo. As funcións correrán a cargo de 29 formacións artísticas de teatro, danza, maxia e música.
Financiada integramente pola Xunta, esta rede contribúe ao mantemento da actividade destas salas escénicas, de titularidade privada e capacidade reducida, que reúnen os requirimentos para o desenvolvemento das actuacións de xeito profesional. Mañá mesmo dá comezo este segundo período de programación anual do circuíto, que durante 2018 terá desenvolvido 114 citas culturais.
 
Arranque na Coruña e O Porriño
Con máis de dez anos de historia, esta iniciativa ofrece unha carteleira de propostas moi diversas, na que ademais teñen unha destacada presenza as montaxes especialmente dirixidas ao público infantil e familiar nas fins de semana. É o caso da oferta coa que mañá se inicia esta nova carteleira na Coruña con Recreo, de Títeres sin Cabeza, no Teatro del Andamio (sábado ás 18,00 h. e o domingo ás 12,30 h. e ás18,00 h.) e Xan Perillán e a maleta máxica, de Os Monicreques de Kukas, na Sala Gurugú (mañá, ás 18,30 h.).
 
Pola súa banda, a Sala Ingrávida do Porriño acollerá tamén mañá, ás 21,30 h., o espectáculo teatral Chola a it girl, de ArtesaCía (na imaxe).
 
A meirande parte dos espectáculos preséntanse na Rede Galega de Salas da man de formacións galegas. Ademais das citadas, o circuíto programa os espectáculos para público familiar das seguintes compañías teatrais: A la Sombrita, A Xanela do Maxín, APP Creacións, Berrobambán, Caramuxo Teatro, Danthea Teatro, Katarsis Educación e Teatro, Nelson Quinteiro,  Os Monicreques de Kukas, Os Náufragos, Producións Dispersas, Títeres Cachirulo e Trinketrinke Teatro. Pola súa banda, o teatro para público adulto estará representado por A Produccións Artísticas, Anómicoteatro, AveLina Pérez e Cinema Sticado, ademais de pola xa mencionada ArtesaCía.
 
En canto á danza actuarán en rede as compañías Prácido Domingo, Cía.Cielo rasO, Sandra Gómez de la Torre e Zig Zag Danza, mentres que A Tropa de Trapo e Ian & Elisa presentarán os seus espectáculos de maxia; e Roberto Oliveira, Luis Vallecillo, Magín Blanco e Paco Nogueiras, de música.
 
A Rede Galega de Salas conforma xunto coa Rede Galega de Teatros e Auditorios, a Rede Galega de Música ao Vivo e Cultura no Camiño, os outros tres circuítos de distribución de espectáculos xestionados pola Agadic, a oferta escénica e musical de produción galega e carácter profesional máis estable e ampla da nosa Comunidade.
 
A programación completa pode consultarse en www.agadic.gal/Axenda e en www.cultura.gal/gl/axenda.