Share

A Rede de Música ao Vivo da Xunta ofrécelle ao público galego 254 concertos de 81 grupos nas súas 20 salas asociadas

A programación, que se estende ata finais de ano, foi deseñada polos propios locais a partir das propostas artísticas inscritas na edición de 2020

A Consellería de Cultura e Turismo asume o 90% do seu orzamento, que destina preto de 200.000 euros a financiar as actuacións contratadas a través deste circuíto, a meirande parte delas de solistas e grupos galegos

A Rede de Música ao Vivo da Xunta ofrécelle ao público galego 254 concertos de 81 grupos nas súas 20 salas asociadas
A sala Garufa Club da Coruña, unha das 20 asociadas este ano á Rede Galega de Música ao Vivo da Xunta de Galicia, acolleu hoxe a presentación da programación que se desenvolverá ata finais de ano no seo deste circuíto profesional xestionado pola Consellería de Cultura e Turismo mediante a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A través del, o público poderá gozar dos 254 concertos de 81 solistas e grupos, 79 deles galegos, que terán lugar en 14 localidades das catro provincias.

Esta cifra de actuacións supón un aumento do 23% respecto das contratacións realizadas en 2019, do mesmo xeito que se incrementou tamén nun 15,5 % o seu orzamento, que este ano se sitúa preto dos 200.000 euros. A Consellería de Cultura e Turismo asume o 90% deste investimento, mentres que o 10% restante correspóndelles aos locais que lle dan forma ao circuíto.
 
A súa programación completa deuse a coñecer nun acto no que interveu o director da Agadic, Jacobo Sutil, e mais os representantes das asociacións que colaboran coa Xunta na promoción da Rede Galega de Música Ao Vivo: Alberto Grandío, presidente de Clubtura, e César Morán, de Músicas ao Vivo, ademais de José Vázquez Méndez, xerente da Sala Garufa.
 
Sutil referiuse na súa intervención ás cinco novas incorporacións ao circuíto respecto a 2019: Aturuxo de Bueu, Sala Ruído de Ferrol, Sete Flores do Carballiño, Auriense de Ourense e El Contrabajo de Vigo. Ademais, repiten como parte do circuíto Bâbâ Bar e Garufa da Coruña, A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, SalaSON de Cangas, A Ventana de Laxe, Clavicémbalo de Lugo, A Fundación e Pub Gatos de Melide, Náutico do Grove, Borriquita de Belém, Casa das Crechas e Sala Moon de Santiago de Compostela, A Arca da Noe de Vilar de Santos, e La Fábrica de Chocolate e La Pecera de Vigo.
 
Variedade de estilos
Falou, así mesmo, da variedade desta carteleira, que reflicte os múltiples estilos nos que se manifesta a creatividade musical galega, que aquí van desde o pop e o rock, ao blues e o jazz, pasando polo folk, o punk ou a electrónica. Así se pode comprobar, por exemplo, na oferta desta mesma semana cos concertos de Ataque Escampe e Udra este venres 13 nas salas Ruído de Ferrol e A Fundación de Melide, respectivamente. Ao día seguinte será a quenda de Moon Cresta tamén na Ruído, NEO en La Fábrica de Chocolate de Vigo e Martins Aneiro Band no Clavicémbalo de Lugo, mentres que David Regueiro actuará o domingo na Garufa.
 
Mad Martin Trío, Cachas&Cousins, Eladio y los Seres Queridos, Familia Caamagno, The Lákazans, Astrogirl, Bakin Blues Band, Ghavera, Pepe Vaamonde Grupo, Tiruleque ou Aló Django atópanse así mesmo na listaxe de bandas programadas este ano, situándose na cabeceira en canto ao numero de contratacións xunto aos devanditos Ataque Escampe e David Regueiro.
 
Tras máis de 10 anos de traxectoria, a Rede Galega de Música ao Vivo continúa reforzando os seus estándares de profesionalidade e especialización, tanto polo tipo de programación que acolle como polas características das súas salas, todas elas de titularidade privada e capacidade reducida.
 
Ademais, a súa actividade anual súmase á dos outros tres circuítos de espectáculos que xestiona a Agadic (Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas e Cultura no Camiño) e mais aos programas específicos Xacobeo en Camiño e Xacobeo Cidades, postos en marcha este ano pola Consellería de Cultura e Turismo. O seu obxectivo común é favorecer a circulación dos espectáculos escénicos e musicais producidos en Galicia, ademais de lle achegar á cidadanía unha oferta cultural ampla, descentralizada, plural e aberta.

-Folleto de programación