Récord de participación no concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans con 377 inscritos
Con 86 grupos rexistrados, Galicia é a Comunidade con maior número de candidatos
A Agadic colabra un ano máis co certame organizado pola Fundación Paideia Galiza e Estudios Mans

Un total de 377 bandas de todo o panorama musical español inscribíronse na cuarta edición do concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans, cifra que supón o récord de participación neste certame que organizan anualmente a Fundación Paideaia Galiza e Estudios Mans coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Galicia, con 86 grupos rexistrados, é a Comunidade con maior número de candidatos, seguida de Cataluña con 85 e Madrid con 57.
O obxectivo desta iniciativa é facilitarlles unha plataforma de difusión aos grupos e solistas que se atopan no inicio das súas carreiras musicais, sempre que non teñan editado nin distribuído traballos de xeito comercial. Ademais, esta nova edición do concurso, marcada pola crise do Covid-19, está acompañada polo lema #QuédateEnCasa con Sonidos Mans e modifica as súas bases para garantir o premio para os oito grupos gañadores deste ano.
De entre os traballos musicais presentados, varios profesionais de recoñecido prestixio como Paco Loco (productor), Keina García (manager) e Ángel Carmona (xornalista musical), seleccionarán as mellores 50 propostas. Os 10 proxectos mellor puntuados pasarán directamente á fase final e os corenta (40) restantes a unha fase de votación popular a través da web www.sonidosmans.com, que se iniciará o vindeiro martes 5 de maio e da que saíran escollidos 15 novos finalistas.
Nesta edición e tendo en conta a situación de excepcionalidade por mor do Covid-19, a organización do concurso quere asegurar oito premios do xeito que segue: seleccionaranse oito bandas para tocar nos festivais que se adhiran á plataforma e, no caso de que finalmente non se poida levar a cabo algunha destas actuacións, o gañador correspondente recibirá un bono para merchandising do grupo por un valor aproximado ao do custo da actuación. Como en edicións anteriores, os gañadores tamén poderán gravar en Estudios Mans tanto un single como un vídeo en falso directo.
A listaxe dos oito grupos gañadores publicarase o 28 de maio de 2020.