Share
José López Campos visitou hoxe o equipo da serie, que se está a gravar na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago tras varias semanas de traballo no Grove

‘Punto Nemo’ avanza na filmación en Galicia da súa segunda temporada cunha das axudas da Xunta a rodaxes audiovisuais

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de publicar a concesión dunha subvención de 350.000 euros para esta produción de Prime Video, encabezada pola compañía galega Ficción

Óscar Jaenada, Maxi Iglesias, Alba Flores e Nawja Nimri repiten no reparto desta historia arredor dos superviventes dunha expedición oceanográfica

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe o equipo de Punto Nemo 2 durante a filmación de varias escenas na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, unha das localizacións galegas da segunda temporada desta serie de Prime Video, coa compañía Ficción Producciones á fronte.

O titular de Cultura do Goberno galego tivo a oportunidade de felicitar persoalmente a produtora Mamen Quintas pola renovación de Punto Nemo por catro novos episodios, para os que o proxecto acaba de obter unha subvención de 350.000 euros a través do fondo da Xunta para a atracción de rodaxes a Galicia. Esta é a quinta concesión ao abeiro da convocatoria de 2025, dotada con 2,2 millóns de euros para incentivar a filmación na nosa Comunidade de novas longametraxes e series de ficción tanto por parte de produtoras galegas como do resto de España e Europa. Esta liña de apoio está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

López Campos comprobou o avance da filmación de Punto Nemo 2, que vén de desenvolver varias semanas de traballo na batería de Porto Cuances, no concello pontevedrés do Grove, e contará tamén con localizacións en Canarias e Portugal. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañouno nesta visita, durante a que saudaron, así mesmo, o director, Álex Rodrigo, e os intérpretes Maxi Iglesias, Sara Matos, Margarida Corceiro e Nüll García, entre outros.

Coproducida xunto á compañía portuguesa Ukbar Filmes, esta segunda temporada continúa desenvolvendo a historia de suspense e ciencia ficción arredor dos superviventes da expedición oceanográfica que centrou os seis primeiros episodios, estreados o pasado mes de marzo na plataforma Prime Video, con Óscar Jaenada, Maxi Iglesias, Alba Flores e Nawja Nimri á cabeza do reparto.