Share

Producións Teatrais Excéntricas estrea no FIOT de Carballo a súa versión de 'Medida x medida' de Shakespeare

O director da Agadic participou hoxe na presentación do novo espectáculo dirixido por Quico Cadaval para a compañía compostelá, que celebra o seu 15º aniversario

Tras as súas primeiras funcións o venres e o sábado no festival carballés, a montaxe poderá verse proximamente en Pontevedra, Arteixo, Muros e O Barco

Producións Teatrais Excéntricas estrea no FIOT de Carballo a súa versión de 'Medida x medida' de Shakespeare

Producións Teatrais Excéntricas estrea este venres no Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo o seu espectáculo Medida x medida, versión da obra de William Shakespeare coa que a compañía compostelá celebra os seus 15 anos sobre as táboas.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta nova montaxe no Pazo da Cultura carballés na que tamén interviñeron Marcos Trigo, concelleiro de Cultura; Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte; Quico Cadaval, director da montaxe, e unha representación do equipo e do elenco integrado por Melania Cruz, Patricia Vázquez, María Costas, Josito Porto, Santi Romay, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira.
 
Sutil manifestou a súa satisfacción por asistir a unha nova estrea de Excéntricas no seu 15º aniversario, que “xa de partida ten moitos elementos que apuntan ao favor do público e que supón a liña de continuidade dunha compañía referente do teatro galego actual”. Entre eles, o director da Agadic referiuse á “sempre enxeñosa” achega de Quico Cadaval e á súa nómina de actrices e actores, con sete dos profesionais máis destacados da nosa escena.
 
Medida por medida conta co apoio da Xunta e coa participación do FIOT como entidade coprodutora. “Os festivais escénicos son un elemento determinante no noso sistema teatral en canto ao seu valor de exhibición, de encontro profesional e de traballo de públicos, pero algúns –como é o caso do FIOT– van máis alá para tomar responsabilidades desde o mesmo momento da creación teatral”, asegurou o director da Agadic, ao tempo que lles agradeceu esta implicación aos responsables do encontro carballés.
 
Comedia negra
Medida por medida é, segundo a propia compañía, unha comedia negra sufocante, divertida, enigmática e aceda, que coquetea constantemente co desastre. Ademais de co devandito elenco, Quico Cadaval conta tamén para a súa posta en escena con Suso Montero no deseño de vestiario, Bernardo Martínez na dirección musical e Dani Juncal no deseño de iluminación.
 
Tras a súa estrea no Pazo da Cultura de Carballo, onde poderá verse o venres ás 21,00 h. e o sábado ás 20,30 h., o espectáculo iniciará unha xira que o levará proximamente a Pontevedra (10 de outubro), Arteixo (11 de outubro), Muros (12 de outubro) e O Barco (29 de novembro), nos tres últimos casos dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

-FIOT de Carballo
-PT Excéntricas