Share
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións acompaña o equipo do filme neste pase especial antes da súa chegada ás salas comerciais o 19 de abril 

Portocabo preestrea en Ourense a comedia '+Cuñados', rodada en Galicia con subvención da Xunta

Román Rodríguez enmarca a secuela da produtora coruñesa no gran momento que vive o audiovisual galego, capaz de abordar con calidade e solvencia todo tipo de narrativas e formatos 

O proxecto recibiu unha axuda autonómica de máis de 255.000 euros, que reverteu nun gasto estimado de preto dun millón de euros na nosa Comunidade

Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez repiten como trío protagonista da película, dirixida por Luis Avilés

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, asistiu esta tarde á preestrea en Ourense de +Cuñados, comedia producida por Portocabo e rodada en Galicia e en galego con subvención da Xunta. Será o vindeiro 19 de abril cando chegue ao circuíto de salas comerciais a secuela da que foi a primeira longametraxe cinematográfica da produtora coruñesa e coa que agarda repetir o seu éxito de público, tras se converter en 2021 na estrea máis ampla na historia do cinema galego.

Román Rodríguez trasladoulle este mesmo desexo ao equipo do filme durante a súa intervención previa ao pase, ao que asistiron tamén o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, así como representantes do resto de entidades e empresas colaboradoras.

“Tanto o público como a crítica celebraron a química do reparto e a intelixencia e o humor do guión de Cuñados”, sinalou o conselleiro, ao tempo que se amosou convencido de que +Cuñados será tamén unha “comedia única, capaz de atraer públicos de todo tipo e espertar as risas para todas as idades”.

Novos xeitos de producir cinema

Respecto da produtora Portocabo, Premio da Cultura Galega 2023 na categoría de Audiovisual, destacou a súa contribución ao gran momento que está a vivir o sector. “O audiovisual ten contribuído a lle dar forma á identidade galega actual e creo que isto se estende a todos os xéneros, incluíndo a comedia”, destacou. Fixo fincapé, así mesmo, na capacidade das empresas galegas á hora de dinamizar o tecido profesional neste ámbito e de lles dar oportunidades a novos xeitos de producir series e películas, como no caso de Cuñados e a súa secuela.

Luis Avilés é o director de +Cuñados, que volve contar con Alfonso Blanco na produción executiva e cos actores Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey como trío protagonista. Para a súa produción, Portocabo contou cunha axuda de máis de 255.000 euros por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais, que reverteu na mobilización dun equipo de máis de 100 profesionais e nun investimento na nosa Comunidade próximo ao millón de euros. 

A trama desta secuela, con guión de Araceli Gonda, ten como escenario a celebración do Entroido ourensán, durante o que os cuñados veranse envoltos nun novo enredo. Ademais do devandito trío, repiten no elenco Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal, aos que desta volta se suman David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão e Nuno Sá. 

A longametraxe conta tamén co patrocinio da Deputación de Ourense, a participación de Movistar Plus+, TVG e RTVE, así como coa implicación de Movistar Plus + Internacional para a súa distribución fóra de España.