A película ‘Me has robado el corazón’, rodada en Galicia co apoio da Xunta, anuncia a súa estrea exclusiva en salas para 2026
Esta produción da compañía galega Ficción Producciones para Sony Pictures International Productions é unha das seis subvencionadas na convocatoria de 2024 do fondo autonómico para a atracción de rodaxes á nosa Comunidade
Óscar Casas e Ana Jara protagonizan esta comedia romántica, con toques de road movie, dirixida por Chus Guitérrez e cos galegos Luis Zahera, Miguel de Lira ou Raquel Espada no reparto

O filme Me has robado el corazón, rodado en Galicia co apoio da Xunta, estrearase exclusivamente nas salas de cine españolas en 2026, segundo acaban de anunciar Sony Pictures e Ficción Producciones. Óscar Casas e Ana Jara protagonizan esta comedia romántica, con toques de road movie, dirixida por Chus Guitérrez e cos galegos Luis Zahera, Miguel de Lira, Raquel Espada ou Xurxo Carreño no reparto.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, tivo a oportunidade de asistir a unha das xornadas de filmación da película en Santiago de Compostela, unha das localizacións galegas desta nova produción de Ficción, en asociación con Sony Pictures Entertainment Iberia, que é así mesmo unha das seis subvencionadas pola Xunta a través da convocatoria de 2024 para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia.
En concreto, Me has robado el corazón conta cunha axuda de 300.000 euros do fondo posto en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, co fin de atraer filmacións de películas e series á nosa Comunidade, tanto de produtoras galegas como do resto de España e Europa.
Felicitación ao equipo
Acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o conselleiro felicitou persoalmente o equipo por este novo traballo audiovisual galego, que será distribuído por Sony Pictures. Conta tamén coa participación de RTVE e TVG, así como de Prime Video, onde poderá verse tras o seu paso polos cines de toda España.
Me has robado el corazón é unha idea orixinal de Alberto Arruty, inspirada nun titular real sobre un caso ocorrido nos Estados Unidos. Óscar Casa interpreta a Eric, un mozo enxeñeiro que coñece a Vera (Ana Jara) nunha aplicación de citas e a convence para que sexa a súa condutora na súa fuxida cara a Galicia tras roubar un banco en Madrid.
Ademais dos mencionados Luis Zahera, Miguel de Lira, Raquel Espada ou Xurxo Carreño, completan o reparto Antonio Pagudo, Ana Milán, Arturo Valls, Alba Gutierrez, Mario Marzo, Pol Granch, Juan Amoedo e Francis Lorenzo, entre outros.