Share
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación desta nova convocatoria organizada por Músicas ao vivo

Os Premios Martín Códax lanzan a súa 13ª edición co apoio da Xunta para recoñecer 19 proxectos musicais en activo e un galardón honorífico

O certame abrirá o período de inscricións do 2 ao 22 de marzo a través da súa web oficial para propostas en activo neste ano 2026

A convocatoria mantén as categorías e consolida o sistema de votación aberto ao público, clave no crecemento e proxección dos galardóns

A Xunta de Galicia colabora un ano máis cos Premios Martín Códax da Música, que presentaron hoxe a súa 13ª edición consolidándose como unha das principais plataformas de recoñecemento e impulso da creación musical galega. A nova convocatoria preparada pola asociación Músicas ao Vivo inclúe 15 categorías musicais, xunto coa de Artista Emerxente e os tres Premios Organistrum, dirixidos a salas, festivais e proxectos de comunicación, ademais dun premio honorífico para recoñecer unha traxectoria destacada no ámbito musical.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou no acto celebrado na sala Riquela Club de Santiago de Compostela, no que tamén interviñeron voceiros das Bodegas Martín Códax, representantes doutras administracións e do colectivo Músicas ao Vivo, que preside a cantante e compositora Sheyla Patricia.

Durante a súa intervención, Sutil destacou o papel destes premios como ferramenta de visibilidade do talento musical galego e como espazo de cohesión para un sector estratéxico dentro das industrias culturais, contribuíndo á súa profesionalización e proxección dentro e fóra da Comunidade. Tamén se referiu ao seu papel de incentivo para a creación e a interpretación musical, así como á súa capacidade para integrar os axentes sectoriais arredor dos eventos de promoción que se desenvolven ata a gala de entrega final, que terá lugar o vindeiro 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Modelo organizativo estable

O prazo de inscrición permanecerá aberto do 2 ao 22 de marzo a través da web oficial dos premios. Poderán concorrer proxectos musicais galegos en activo no ano 2026, nunha edición que mantén unhas bases moi similares ás da anterior, co que se busca garantir a continuidade e estabilidade no modelo organizativo.

Tamén se manteñen as categorías a concurso: Blues/Funk/Soul, Folk, Músicas do Mundo e Mestizaxe, Canción de autor/a, Músicas urbanas, Orquestras/Grupos-Música de Verbena, Metal e Heavy, Bandas de música popular, Música tradicional, Música infantil, Música clásica e contemporánea, Electrónica, Jazz e Músicas Improvisadas, Rock e Punk, e Pop e Indie.

O sistema de votación combinará novamente o criterio profesional e a participación cidadá: nunha primeira fase, un xurado especializado seleccionará os tres finalistas por categoría. Posteriormente, abrirase a votación ao público xeral, mantendo tamén o voto das persoas asociadas a Músicas ao Vivo. O reconto final establecerase cunha ponderación do 50% para o público e 50% para as persoas asociadas. A continuidade deste modelo responde aos resultados positivos acadados nas últimas edicións en termos de promoción, participación e crecemento do certame.