Share

Os novísimos do cine galego presentan mañá a súa obra no CGAI

A filmoteca reúne ás 18,00 h. a Anxos Fazáns, Lucía Estévez, Ángel Filgueira e Marta Valverde para proxectar as súas primeiras curtas

Forman unha xeración que segue a estela do Novo Cinema Galego cos seus propios códigos, traballando de xeito conxunto en varias das súas pezas

Os novísimos do cine galego presentan mañá a súa obra no CGAI
O CGAI-Filmoteca de Galicia ofrece mañá ás 18,00 h. unha sesión que reúne os traballos dunha nova xeración de autores e autoras galegas. Tendo coincidido no grao de Comunicación Audiovisual en Pontevedra e nados nos noventa, estes realizadores levan dirixindo pezas curtas e participando en longametraxes doutros cineastas nos últimos anos.
Traballan xuntos en diversas ocasións e comezan a conformar un grupo con identidade propia. Eles mesmos déronse en chamar Os Novísimos, como explica Anxos Fazáns: “O dos Novísimos comezou un pouco en broma, sinceramente, por unha mestura de admiración e oposición ao Novo Cinema Galego. Se eles son o novo, nós teriamos que ser o novísimo”. A pontevedresa indica que, aínda querendo buscar o seu propio camiño, nacen seguindo a estela do que o Novo Cinema Galego ten permitido en Galicia nos últimos anos, abrindo o espazo para proxectos de cine independente.
 
Pezas diversas e cine en directo
Quen desexe ter unha mostra destes traballos, pode acudir mañá ao CGAI para descubrilos. A sesión comeza con Area, de Fazáns, unha peza que xurdiu na preparación da súa primeira longametraxe, A estación violenta, filme que presenta estes días no Bafici de Bos Aires e que conta coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
 
O seguinte título, Cuna, de Lucía Estévez, é unha aproximación diferente desde o documental, xa que se trata dun retrato dos pais da directora. Ao cabo, indica ela, é un filme sobre un dos grandes temas do cine: a memoria. Estévez traballa neste momento nunha triloxía de curtas de ficción, cunha delas, Sendeiro, co recibido tamén a axuda da Agadic o pasado ano. Ten formado parte do equipo técnico de varias importantes longas recentes, como Las altas presiones, de Ángel Santos, e agora participa con Jaione Camborda Coll na súa ópera prima, a filmar nos próximos meses.
 
Continúa a proxección con Espazo, de Ángel Filgueira, peza na que se nota unha evidente querenza pola Nouvelle Vague francesa. “Xurdiu –di o autor– a partir da miña fascinación naquel momento pola imaxe de Anna Karina, en primeiro plano, falando a cámara nun bar, en Vivre sa vie”, a película de Jean-Luc Godard. E iso é Espazo, unha conversa en primeiro plano cunha amiga de Filgueira, Marta Queiruga, que funciona como un monólogo no que se van descubrindo os segredos do personaxe e a súa relación co filmado, case como nun minimalista filme de suspense. Ademais doutras curtas, Filgueira ten no seu haber a longa de non ficción Sevilla y Gomorra.
 
Pecha a sesión no CGAI unha peza que se vai executar en directo. Marta Valverde “pincha” as imaxes dende o seu ordenador, rexistros feitos precisamente con compañeiras da súa xeración e conversas coa súa avoa, Será un vídeo-diario que se constrúe sobre a marcha e que reflexiona sobre o propio proceso creativo. Valverde explica así a execución do seu traballo 16-11-2016/ 13-5-2017: “O ensaio e erro levoume á multipantalla e a ao live cinema porque dalgunha forma quería amosar varios puntos de interese ao mesmo tempo e ademais estar presente como creadora no escenario”.
 
Todas as pezas serán presentadas e debatidas polos autores e autoras. A entrada é de balde.

[Imaxe: fotograma con Nerea Barros en 'Area', de Anxos Fazáns]

-Máis información