Os Monicreques de Kukas levan ás táboas do Salón Teatro a obra coa que Roi Vidal gañou o Barriga Verde
Réquiem por un monicreque representarase do xoves ao domingo na sede do CDG, onde tamén ofrecerá dous pases matinais concertados con centros escolares
É un dos 31 espectáculos galegos apoiados pola Xunta a través das subvencións da Agadic á produción escénica de 2017
Isabel Rei dirixe esta peza, que recrea un teatro á italiana coa decoración típica do século XIX, para achegarlle ao público todo o que pasa diante e detrás do pano
A histórica compañía compostelá Os Monicreques de Kukas presenta esta semana no Salón Teatro de Santiago Réquiem por un monicreque, montaxe que leva ás táboas o texto polo que Roi Vidal Ponte obtivo en 2016 o premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidade para público adulto) convocado pola Agadic.
Trátase, ademais, dun dos 31 espectáculos adxudicatarios en 2017 das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais á produción escénica galega.
Isabel Rei dirixe esta proposta, que poderá verse na sede compostelá do Centro Dramático Galego (CDG) do 11 ao 14 de xaneiro (de xoves a sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h.), ademais de ofrecer dous pases matinais para centros escolares o xoves e o venres.
A obra de Vidal Ponte, quen tamén colabora coa montaxe como asistente de dirección, parte dun suceso histórico operístico (un crime sucedido na Scala de Milán en 1968 ao finalizar a representación de Romeo e Xulieta)para indagar con ironía na relación entre o escénico e o extraescénico, homenaxeando os oficios técnicos do teatro e observando o rol do espectador de xeito provocador e irreverente.
Misterio tras o pano
Para o espectáculo, Marcelino de Santiago “Kukas” deseñou a recreación dun teatro á italiana, coa típica decoración burguesa do século XIX, no que ten lugar todo un xogo de intrigas e vaidades. A través del, o público non só poderá ver o que sucede sobre o escenario, senón tamén o que acontece entre caixas, nese espazo reservado para os artistas e os técnicos e que, neste caso, agocha varios misterios sen resolver.
O apartado interpretativo e de manipulación das marionetas corre a cargo de Miguel Cabaleiro, Isabel García, Borxa Insua e do propio Marcelino de Santiago, quen tamén deseñou os monicreques e mais o vestiario. A iluminación está asinada por Miguel Cabaleiro e Isabel Rei, mentres que Zoar Ensemble e Paula Rei interpretan para esta montaxe Marcha fúnebre para unha marioneta e Je Veux Vivre, respectivamente.
Venda de entradas
A venda anticipada das entradas para asistir a Réquiem por un monicreque en Santiago está xa activada no web entradas.abanca.com e mais no teléfono 902 434 443. Os días de función poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.
Marcelino de Santiago “Kukas” e Isabel Rei fundaron en 1979 a que é a primeira compañía galega de teatro con marionetas de Galicia da época actual. Nas súas preto de catro décadas a traxectoria, Os Monicreques de Kukas evolucionou desde as representacións na rúa ata amosar os seus espectáculos de gran formato e con marionetas de complicados mecanismos de creación propia en importantes escenarios de toda Galicia e do resto de España.