Share

O V Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia reúne en Arnoia 51 empresas na procura de novos proxectos conxuntos

Máis de 70 profesionais danse cita hoxe e mañá neste foro, organizado pola Xunta e o Instituto do Cinema e do Audiovisual do Goberno luso coa colaboración do Subprograma MEDIA-Europa Creativa

As anteriores edicións desta iniciativa, que continúa aumentando en número de participantes, deron lugar a destacados acordos de colaboración para películas e series galego-portuguesas

O V Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia reúne en Arnoia 51 empresas na procura de novos proxectos conxuntos
Máis de 70 profesionais de 51 empresas de ambas as beiras do Miño participan no V Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, que se desenvolve hoxe e mañá no balneario da localidade ourensá de Arnoia. A Xunta e o Goberno luso organizan este foro bilateral, que continúa aumentando progresivamente tanto en nivel de participación como en acordos de colaboración e coprodución acadados ao seu abeiro.

Así o destacou na apertura desta quinta edición Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que xestiona esta iniciativa xunto co Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) e coa colaboración da Unión Europea a través do Subprograma MEDIA-Europa Creativa. Acompañárono neste acto Anxo M. Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais; Rosendo Luis Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; e Manoel Claro, representante da Portugal Film Commission.
 
Sutil explicou que se xa na primeira edición de 2015 o foro conseguira reunir 27 produtoras, desta volta son 51 as que se dan cita en Arnoia para estudar posibles acordos de coprodución internacional arredor de 80 proxectos de cine e de televisión presentados. Farano, como en anos anteriores, nas reunións one to one que a organización lles concertou para a xornada de mañá.
 
Acordos xa materializados
O director da Agadic subliñou, así mesmo, a materialización de moitos dos contactos iniciados en anteriores edicións desta cita, orientada a impulsar e normalizar a colaboración entre os sectores audiovisuais galego e luso. Entre eles, mencionou a serie Auga seca, de Portocabo e SP-i, que vén de conseguir a primeira axuda do programa MEDIA á difusión televisiva para unha produtora galega. Tamén comezaron a xestarse neste foro a longametraxe Ons, que Maruxiña Film Company e Bando Aparte están a rodar nestes momentos; A illa das mentiras, de Agallas Films e Take 2000; A espía, de Ukbar Films e Ficción Producciones; O futuro da mente, de Agallas Films e Take 2000 co apoio do programa MEDIA a desenvolvemento; Camiños da irmandade, de M International Audiovisual con TVG e RTP, e Vidago Palace, de Hop! Films e Portocabo.  
 
Nesta quinta edición, desprazáronse ata Arnoia os representantes de 20 compañías galegas (Agallas Films, Belle Films, Control Z, Cósmica Producións, CTV, Esnatu Zinema, Ficción Producciones, Filmax, Frida Films, Gaita Films, La Región, M International, Maruxiña Film Company, Mondotropo, Noire et Blanche, Ollo Vivo, Portocabo, Producións Fenda, Q+Ver e Somadrome), mentres que pola banda portuguesa están acreditadas 31 empresas.
 
Así mesmo, cóntase coa participación das televisións públicas de Galicia e Portugal (TVG e RTP) e coa implicación doutros colectivos profesionais de ambos os territorios, como a Minho Film Commission, o Clúster Audiovisual Galego (Clag) ou a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).
 
A actividade do V Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia complétase con tres sesións específicas impartidas esta tarde e mañá por profesorado do EAVE, Eurodoc e APostLab, prestixiosos programas formativos europeos do ámbito audiovisual, que están orientadas a aspectos relacionados coa coprodución internacional.