O taller EAVE de produtores audiovisuais congrega en Santiago máis de 200 profesionais dunha trintena de países
A Agadic colabora coa asociación Les Entrepeneurs de lAudiovisuale Européen na última cita anual deste prestixioso programa formativo internacional, que terá lugar desde hoxe e ata o día 29 na Cidade da Cultura e no NH Collection
A Xunta tamén promove a apertura das sesións plenarias do encontro aos integrantes do sector en Galicia, así como o desenvolvemento dun obradoiro local específico para oito profesionais galegos seleccionados pola organización
Máis de 200 profesionais dunha trintena de países reúnense desde hoxe en Santiago de Compostela para asistir á cita galega do prestixioso programa formativo internacional EAVE (European Audiovisual Entrepeneurs), que desenvolve aquí o terceiro e último encontro anual do seu EAVE Producers Workshop.
A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colabora coa asociación Les Entrepeneurs de l’Audiovisuale Européen na celebración deste evento en Galicia, así como na súa apertura ao sector galego co fin de lles brindar aos nosos profesionais a oportunidade de afondar en materias como o financiamento e a xestión de coproducións internacionais.
A Cidade da Cultura de Galicia e o hotel NH Collection de Santiago son as sedes desta intensa actividade formativa, seguida polo medio centenar de produtores de todo o mundo matriculados na actual edición do Producers Workshop, que recala en Galicia tras a súa estadía en Luxemburgo en marzo e na cidade norueguesa de Stavanger en xuño.
Despois do traballo desenvolvido por este alumnado internacional e o equipo pedagóxico do EAVE nestes dous talleres previos sobre análise de guión, desenvolvemento, financiamento, aspectos legais da coprodución, márketing ou preparación de pitchings, entre outras materias, en Santiago úneselle un nutrido grupo de Decision Makers europeos (consultores responsables da busca de proxectos ou commissioning editors, de fondos de financiamento nacionais e rexionais, axentes de vendas etc.) para revisar e discutir cos participantes os seus proxectos, empresas e carreiras.
Coprodución subvencionada pola Agadic
Precisamente, un dos proxectos seleccionados para a súa análise nesta sección oficial do programa é ¿Qué hicimos mal?, coprodución hispano-mexicana liderada pola compañía galega Matriuska, que resultou adxudicataria este ano dunha subvención de 239.457 euros por parte da Xunta, a través da convocatoria de axudas da Agadic á produción e coprodución audiovisual.
A colaboración entre a Consellería de Cultura e a organización do EAVE posibilita, así mesmo, que tanto o equipo pedagóxico como os Decision Makers convidados entren en contacto directo coa industria audiovisual galega, ao tempo que se lle abre ao noso sector a oportunidade de se achegar a esta rede internacional de intercambio formativo e profesional e, en consecuencia, de reforzar conexións coa industria europea.
Participación galega
Esta apertura materialízase a través de dúas vías. Dunha banda, mediante a asistencia ás sete sesións plenarias do EAVE Producers Workshop de 30 persoas vinculadas ao audiovisual en Galicia, inscritas previamente e de xeito gratuíto. Doutra, na organización dun taller local e adaptado especificamente aos oito profesionais galegos, seleccionados pola organización tras unha convocatoria aberta a todo o sector. Este grupo asiste tamén ás sesións plenarias, ademais de acceder a reunións individuais cos consultores expertos que lideran o taller oficial.
Fundado en 1988, o EAVE está considerado como o principal programa de capacitación e desenvolvemento de produtores audiovisuais de Europa. Nos últimos anos, ampliou as súas oportunidades de formación con novas alianzas en América Latina e Asia. O Producers Workshop é o seu programa estrela, por ser un dos máis relevante e de maior éxito para a coprodución internacional. Moitos dos seus proxectos acadan moi bos resultados en recadación, vendas, distribución e presenza en festivais cinematográficos de primeira liña, e os premios máis importantes do mundo contan con títulos impulsados polo alumnado do EAVE.
-EAVE